O Diario de Ferrol publicou a seguinte noticia despois da presentación na cidade do libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos. No acto, ademais do presidente da Mesa, participaron tamén Xaquín Campo (portavoz de Queremos Galego en Ferrol) e Carlos Outeiro (responsábel da Mesa en Ferrol).
Carlos Callón: “Defendemos o galego para tratar de evitar que haxa cidadáns de segunda”
Carlos Callón, presentou onte en Ferrol o seu ensaio “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” (Edicións Xerais). Callón falou do seu traballo na sede da Sociedade Galega de Historia Natural, na praza de Canido, acompañado de Xaquín Campo, párroco de Mandiá e portavoz da plataforma Queremos Galego, e Carlos Outeiro, responsable en Ferrolterra da MNL.
Manual práctico
Callón sintetizou que o ensaio era “un manual práctico de consellos para que quen desexe usar o galego na Administración, notarías, etc., saiba cales son os seus dereitos. É un volume moi práctico que nace da experiencia de socios e amigos da Mesa. O libro nace desa experiencia colectiva, aínda que o asine eu”.
Gañador do premio Redelibros ao mellor ensaio de 2011 e finalista actualmente do premio da Asociación Galega de Editores, “Como defenderes os teus dereitos lingüísticos” supoxo para Callón “unha alegría amosada por moita xente que puxo en práctica os consellos ou que solucionou un problema sen custos persoais”.
Neste sentido, o presidente da MNL fixo referencia ao proceso no que el mesmo está inmerso por defender a legalidade fronte a un maxistrado coruñés. “Hai situacións que son unha farsa e aquí se ve o desamparo xurídico do galego: quen defende a legalidade ten que ir a un xuízo. Nós o que estamos facendo é tratar de que non haxa cidadáns de primeira e de segunda polo uso do seu idioma, algo que non sempre é fácil desde a propia administración autonómica, que ten a obriga de defender o seu uso”. Neste sentido, Carlos Callón exemplificou a súa crítica: “En maio de 2010 o señor Feijóo presentou un programa informático que impide o uso de galego. Antes xa non era fácil pero esta ferramenta impídeo. Unha administración non pode vulnerar os nosos dereitos”.
Finalmente, o responsable da Mesa quixo ser optimista verbo do futuro do galego e comentou que “se a xente segue a mobilizarse na rúa, reclamando os seus dereitos, o galego pode ter futuro porque, é o que nos une”.