A Mesa pola Normalización Lingüística

Carlos Callón encabeza a candidatura presentada á dirección da Mesa, que se reunirá en Asemblea Xeral este sábado en Ourense

Incorpóranse á Permanente da Mesa Susana Méndez (enfermeira), Carlos Outeiro (enxeñeiro) e Paulo Filgueiras (profesor de secundaria).

A Mesa suma esforzos para deter as políticas contra o galego e chama á sociedade a participar na manifestación do 17 de maio.

A Mesa pola Normalización Lingüística reunirase este sábado ás 11 h en Asemblea Xeral no Auditorio Municipal de Ourense. A pesar de que até o de agora os conclaves desta entidade se realizaron sempre na capital de Galiza, a partir deste ano a maior asociación cultural galega desenvolverá cada asemblea xeral nun concello diferente do país.

Nesta reunión nacional das socias e socios da Mesa valorarase o traballo da organización nos últimos tres anos e escollerase tamén a nova Comisión Permanente, o órgano executivo de dirección. Carlos Callón, o actual presidente da entidade, encabezará de novo unha candidatura, na cal se unirá a continuidade coa renovación. Así, na única lista presentada a esta asemblea, ademais do propio Carlos Callón, continuará na Permanente a actual secretaria xeral da Mesa, Iria Taibo, tradutora e intérprete de profesión.

Pola súa banda, incorpóranse á Comisión Permanente da Mesa: Susana Méndez, como vicepresidenta primeira, quen é enfermeira no SERGAS e foi responsábel da asociación en Valdeorras; Carlos Outeiro, como vicepresidente segundo, é enxeñeiro e traballa en Navantia, ademais de ser responsábel da Mesa en Ferrol, e por último, Paulo Filgueiras, como coordinador de Zonas e Comunicación, é profesor de secundaria e foi membro do consello de redacción de Longalingua.

Na Asemblea Xeral deste sábado, A Mesa, ademais de escoller nova Comisión Permanente, debaterá sobre os relatorios de xestión e económico do último período, ademais de analizar o orzamento e a liña xeral de actividades para os próximos meses. Carlos Callón salienta que estas actividades se van centrar “en animar a mobilización social, como no 17 de maio, fronte a uns gobernos, autonómico e central, que atacan a nosa lingua e mesmo malgastan diñeiro en reducir os nosos dereitos lingüísticos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra