A Mesa pola Normalización Lingüística

Carlos Callón será xulgado por recriminarlle ao anterior xuíz decano da Coruña que incumprise a Lei de normalización lingüística

A Mesa convoca unha concentración de apoio ao seu presidente o 30 de novembro ás 12.30 h no Xulgado de Instrución Número 2 da Coruña.


A pesar das reiteradas solicitudes de recibir a información en galego, o xulgado remitiu a nova citación ao presidente da Mesa sen usar o idioma propio de Galiza.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma unitaria Queremos Galego, Carlos Callón, será xulgado o vindeiro 30 de novembro na Coruña nun caso que a entidade non dubida en cualificar de “criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma”.

 

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística convócase unha concentración para o propio día 30 de novembro ás 12.30 h diante dos Xulgados na Coruña (rúa de Monforte, s/n). A maior asociación cultural de Galiza reclama que se cese coa caza de bruxas contra o galego e que, dunha vez, a xustiza garanta o dereito a usar e recibir información no idioma propio do país, tal e como recoñece a lexislación e os tratados internacionais. Hai que ter presente que mesmo neste caso, e a pesar das sucesivas peticións de Carlos Callón, cada nova citación que se envía faise excluíndo totalmente a lingua escollida polo denunciado.

 

Aínda que a denuncia contra o dirixente da Mesa fora inicialmente desestimada, tanto co apoio do xulgado como da Fiscalía, un recurso do denunciante desencadeou a vista que se producirá a finais deste mes. Con anterioridade, Carlos Callón tamén fora convocado para o pasado 10 de febreiro, nun xuízo que se suspendeu despois de que o avogado recusase a maxistrada por entender que non se respectaban as garantías procesuais. Ademais, era rechamante que todo o proceso se realizase no mesmo xulgado en que era neses momentos decano o propio denunciante.

 

O motivo deste “esperpéntico” xuízo é que Callón replicou unhas declaracións que os medios de comunicación puñan na boca de Fraga Mandián no transcurso dun xuízo: “No tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña”. Con anterioridade, o mesmo maxistrado defendera o incumprimento da Lei de normalización lingüística no referido a toponimia porque, segundo el, a cuestión do nome da cidade herculina estaba sub iudice. Non era verdade nada do que dicía e o propio Fraga Mandián sabíao moi ben: nese momento xa houbera mesmo varios ditames do Tribunal Constitucional apoiando o uso único do topónimo A Coruña. Así mesmo, nun documento, como resposta a un veciño, tamén chegou a argumentar que el usaba La Coruña e non A Coruña por un erro ortográfico. Era unha burla, porque o “erro ortográfico” persiste unha e outra vez (tamén no escrito desta denuncia) e, con el, a vulneración dunha lei básica, con todo o peso simbólico de que quen estea a protagonizar todas estas situacións sexa un xuíz.

Os Apoios de campaña están pechados.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra