A Mesa trasladou ao grupo Carrefour as queixas de varios clientes indignados polo trato que a nosa lingua recibe nos seus supermercados
A empresa non explica a razón de que o galego reciba un trato diferente ás outras linguas cooficias do Estado
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013. – A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un novo caso de discriminación lingüística, neste caso responsabilidade dos supermercados Carrefour.
Os clientes de Carrefour da Coruña, Compostela, Vilagarcía, Sanxenxo ou Ourense poden ver os seus tickets de compra en catalán, euskara ou castelán, mais non en galego. Este feito colmou a paciencia dunha clientela farta de ver como o grupo Carrefour ignora a súa lingua na publicidade, nos centros comerciais e na comunicación co cliente das súas tendas e supermercados.
Desde A Mesa puxémonos en contacto co servizo de atención á clientela de Carrefour para lles trasladarmos as queixas recibidas por varias persoas indignadas por esta nova exclusión do galego, e interesámonos por saber o motivo deste trato diferenciado. Lembrámoslles así mesmo que o galego é a lingua propia e oficial de Galiza e animámolos a usaren o galego con normalidade.
Porén, na resposta do grupo Carrefour non se explica a razón de que o galego reciba un trato diferente ás outras linguas cooficiais do Estado e limítanse a informarnos que “desde Centros Comerciales Carrefour cumplimos las normativas legales vigentes en las diferentes comunidades autónomas”, seguido do agradecemento protocolario nestes servizos.
Desde A Mesa insistimos en que ningunha empresa ofrece un servizo de calidade se ignora o idioma da súa clientela. Por iso animamos o conxunto da sociedade a que solicite a Carrefour que respecte o galego, o cal se pode facer a través desta ligazón:
http://www.carrefour.es/contacta-con-nosotros/contacta-particulares.asp
No caso de que esta solicitude non sexa debidamente atendida, a mellor opción é cambiar de supermercado…
A Mesa pola Normalización Lingüística anima así mesmo a tod@s os galeg@s fartos de seren tratados como estranxeiras na propia patria a continuaren a loita iniciada por Rosalía hai 150 anos en defensa da nosa dignidade e participar activamente na manifestación nacional que este 17 de maio percorrerá as rúas de Compostela co lema NON QUEREMOS SER ESTRANXEIRAS NA PROPIA PATRIA. QUEREMOS GALEGO!
Ti tamén podes contribuír a que esta sexa unha xornada histórica en defensa da lingua axudándonos a difundir esta manifestación:
http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/483