A Mesa pola Normalización Lingüística

Cilenis lanza Linguakit, un completo portal de análise textual en galego, castelán, inglés e portugués

Un conxugador verbal, un extractor de palabras chave ou un analizador de sentimentos son algunhas das ferramentas que ofrece esta completa caixa de ferramentas lingüísticas que sitúa a Galiza e a lingua galega á cabeza da enxeñería lingüística dos ámbitos lusófono e hispano

Desenvolve o proxecto un equipo multidisciplinar xurdido da USC que recibiu a “Honorable Mention” na 4ª edición do Building Global Innovators do Massachusetts Institute of Technology (MIT)


Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2014.- A start up galega Cilenis lanza Linguakit, un innovador portal online multilingüe que proporciona un acceso cómodo, rápido, asequíbel e sinxelo a multitude de instrumentos tecnolóxicos para o uso e o estudo de catro linguas: galego, español, inglés e portugués. Trátase do primeiro portal de recursos lingüísticos para este grupo de idiomas e, moi especialmente, para o galego, que disporá por primeira vez de ferramentas até agora só accesíbeis para o inglés e o castelán. Esta importante achega de Cilenis, unha nova empresa tecnolóxica xurdida ao abeiro da USC, facilitará a aprendizaxe e a corrección no uso destas linguas apoiándose nos medios dixitais. Trátase, en fin, dunha completa caixa de ferramentas lingüísticas que sitúa a Galiza e a lingua galega á cabeza da enxeñería lingüística para os ámbitos lusófono e hispano.

 

Dende un conxugador verbal a un extractor de palabras chave, pasando por un analizador do sentimento dun enunciado, un resumidor, un tradutor ou un corrector ortográfico e gramatical, Linguakit inclúe un amplo abano de ferramentas web das que se poderán aproveitar publicistas, xornalistas, tradutores, profesores e lingüistas, pero tamén calquera persoa con interese pola lingua e as súas interioridades.

 

Todas as persoas que queiran probar Linguakit poden facelo de xeito gratuíto rexistrándose na web linguakit.com, o que lles dará dereito a facer ata 100 consultas mensuais. Para usos máis extensivos, hai plans adaptados ás necesidades de cada usuario dende 3,95€/mes.

 

 

Unha completa caixa de ferramentas

As ferramentas lingüísticas dispoñibles en Linguakit son un resumidor que proporciona unha síntese do contido dun texto; un corrector capaz de identificar erros léxicos e gramaticais proporcionando unha explicación didáctica dos mesmos así como posíbeis opcións de corrección; o mellor tradutor en liña dispoñíbel para o par de linguas que o usuario elixa; un conxugador verbal que inclúe verbos de dobre conxugación e mesmo inventados; ou unha completa ferramenta de análise que amosa algunhas das posibilidades que ten o usuario para traballar coa lingua ofrecendo á vez o resultado parcial de varias das ferramentas de Linguakit.

 

As ferramentas de análise lingüístico permiten averiguar o número de veces que unha palabra aparece nun texto atendendo á súa categoría gramatical e outros datos xenéricos como o número de frases, de palabras ou a variedade léxica do texto; facilitan o contexto anterior e posterior das palabras chave elixidas polo usuario; proporcionan información morfolóxica de cada tipo de palabra dun determinado texto; e realizan unha análise completa das relacións sintácticas ou de dependencia existentes entre os pares de palabras dun texto.

 

Finalmente, as ferramentas de análise de texto posibilitan analizar o sentimento dun enunciando, valorando o grao de positividade, negatividade e/ou neutralidade; identificar o idioma no que foi escrito, tendo en conta, para o caso do galego, as variantes recollidas na RAG (Real Academia da Lingua Galega) e AGAL (Associaçom Galega da Língua); extraer as palabras chave, clasificándoas segundo o seu grao de importancia, ou os grupos de palabras chave, clasificándoos segundo o seu grao de cohesión interna; e recoñecer as entidades, nomes propios e datos numéricos dun texto para catalogalos como persoas, lugares, organizacións, organismos, datas ou cantidades.

 

 

Dende a USC á vangarda da tecnoloxía lingüística

Cilenis é unha nova empresa galega dedicada ao desenvolvemento tecnolóxico aplicado aos recursos lingüísticos, creando ferramentas en galego, portugués, castelán, inglés e francés baseados no software libre. Uns dos seus primeiros produtos foron os conxugadores verbais automáticos en liña para galego e portugués, aos que pouco despois seguiron os conxugadores en portugués e castelán para móbiles con sistema operativo Android. De seguido chegou o proxecto Avalingua, que avalía automaticamente o nivel de lingua escrita en catro idiomas: español, inglés, portugués e galego. Agora, o equipo de Cilenis presenta unha nova proposta de utilidade global, un portal online que integra un amplo abano de ferramentas lingüísticas punteiras e que achegará, dun xeito asequible e sinxelo, a tecnoloxía lingüística de vangarda a todos e a todas, en Galiza e no mundo.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra