Galicia Confidencial, Praza Pública, Sermos Galiza, De Luns a Venres e Radiofusión entran esta semana en Abertos ao Galego, o proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística para a dinamización do galego no ámbito empresarial.
Estes cinco medios están desde esta semana entre os integrantes de Abertos ao Galego, sumándose á revista Tempos, que integraba o proxecto desde os seus inicios.
De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Praza Pública, Radiofusión e Sermos Galiza entran en Abertos ao Galego desde esta semana. Estes medios de comunicación comparten coa Mesa pola Normalización Lingüística obxectivos en canto á presenza da lingua galega nos medios de comunicación, no ámbito empresarial e na sociedade en xeral.
Estes medios incorpóranse á listaxe de empresas de Abertos ao Galego (www.amesanl.org/abertosaogalego), que con estas incorporacións chegan a ser 80, e participarán das iniciativas promovidas por este proxecto. As máis recentes son o catálogo de Nadal, un conxunto de propostas de agasallo enviadas por algunhas das empresas colaboradoras de Abertos ao Galego e a entrega do primeiro Premio Abertos ao Galego en Pontevedra, que este ano foi outorgado á rede social Tuenti.
Estes medios de comunicación tamén poderán participar da rede de colaboración entre as empresas membro de Abertos ao Galego, desde onde se fan ofertas e servizos especiais entre si e xorden posíbeis cooperacións.
Abertos ao Galego é un proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística que ten o obxectivo de potenciar a presenza do galego no ámbito empresarial. Abertos ao Galego é un certificado de calidade vinculado ao uso do galego e desde este proxecto A Mesa pola Normalización Lingüística quere colaborar coas empresas que fan a súa actividade en galego e animar a moitas a que comecen a dar os seus primeiros pasos no uso do noso idioma.