Comeza o Correlingua 2015!

Esta mañá celebrouse a presentación oficial e a nivel galego do Correlingua 2015. O Correlingua, carreira pola lingua do alumnado de todos os ciclos educativos organizada pola CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración dos Concellos de Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense xunto coa Deputación de Lugo, foi presentada esta mañá na Biblioteca Anxel Casal de Compostela.Nesta ocasión, contamos coa presenza e participación de persoas en representación das entidades organizadoras deste proxecto, como a Mesa pola Normalización Lingüística, a AS-PG ou a CIG- Ensino, así como co alumnado gañador do Manifesto do CPI de Pontecesures e do concurso de videos do CPR Sagrada Familia de Aldán.

Foi unha xornada que serviu para dar o pistoletazo de saída de cara as festas finais que se celebrarán do 4 ao 15 de maio nas principais cidades e vilas galegas pero, na que ademais, o alumnado tamén tivo a oportunidade de expresar a súa opinión e perspectivas no tocante á situación do galego e o futuro da nosa lingua. Ademais, leuse o manifesto gañador, que tamén percorrerá todas as festas finais e proxectouse o video “O galego é de todos” presentado polo centro de Cangas do Morrazo. Alén disto, tamén se informou dos grupos gañadores do Cantalingua, outro dos certames do Correlingua, que actuarán nas festas e que foron elixidos polo alumnado e o profesorado de diversos centros. Neste caso contaremos con Bocinazo, Monoulious Dop e Sacha na horta.

As e os intervinientes no acto incidiron na importancia de contarmos con actividades normalizadoras, que promovan a reflexión sobre a situación do noso idioma e incidan na sensibilización no seu uso, como mecanismo imprescindíbel para o seu futuro, algo especialmente necesario no actual contexto en que os datos estatísticos inciden na perda de falantes do noso idioma. Entendeuse que o Correlingua é un dos proxectos cos que se consegue aglutinar a un número moi alto de mocidade arredor dun elemento común, dalgo creado polo noso pobo, como é o galego. O propio alumnado reflexionou sobre a actual situación do idioma facendo un chamamento a actuar na procura de inverter a situación actual de perda de falantes.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra