A Mesa pola Normalización Lingüística

Compostela.- A Mesa reclámalle a Conde Roa que ‘tamén vista a súa lingua de galega’

Carlos Callón: “Os membros do goberno municipal, co alcalde á cabeza, deberían dar exemplo no uso do noso idioma”


A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta que “boa parte do novo goberno municipal de Santiago de Compostela, co alcalde á cabeza, continúa sen facer uso normal da lingua propia do país”. Desde a entidade reclámanlle por iso a Xerardo Conde Roa, despois da vestimenta que luciu onte, que “tamén vista a súa lingua de galega, xa que, do contrario, a súa indumentaria no Día Nacional de Galiza parecería un xesto cínico”.

Desde a toma de posesión de Xerardo Conde Roa como alcalde, A Mesa xa fixo varias solicitudes públicas para que rectifique “a súa actitude de desprezo ao noso idioma propio”. O presidente da Mesa entregou hai poucos días, a través do rexistro municipal, un escrito en que solicita unha entrevista con Conde Roa e no cal tamén pide que “o alcalde e os membros do goberno municipal, no exercicio dos seus cargos, usen con normalidade, oralmente e por escrito, a lingua de Galiza e de Santiago de Compostela”.

Carlos Callón recorda que “o feito de que o alcalde de Santiago de Compostela utilice normalmente o galego é un xesto de tradición democrática que ten fondas raíces: mesmo se remonta a antes da Ditadura franquista”, con Ánxel Casal, o derradeiro alcalde democrático antes do golpe de estado do 36. “Non é comprensíbel que, a día de hoxe, existindo un mandato constitucional e estatutario de promoción do noso idioma, o alcalde compostelán o desprece deste xeito”, conclúe.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra