Convocatoria | Concentración en defensa dunha CRTVG libre, plural e en galego

A plataforma por unha CRTVG ao servizo do pobo, da que forma parte a Mesa pola Normalización Lingüística convoca para este martes 28 de xaneiro ás 9.30h unha concentración ás portas do Parlamento galego contra a aprobación da Lei de medios públicos audiovisuais de Galiza.

Ademais de reforzar o control da CRTVG por parte do Partido Popular, a lei abre a porta a que a Televisión pública abandone o uso do galego.

Con esta lei a Xunta e o PP pretenden restrinxir máis a presenza do galego. A aprobación da Lei de medios públicos prodúcese en plena emerxencia lingüística e continúa un proceso de desmantelamento da oficialidade formal da lingua galega en Galiza. Só no último trimestre a maioría do PP no Parlamento eliminou o requisito de coñecemento de galego para o novo funcionariado interino, rexeitou a aplicación de medidas do PXNLG, a oficialidade do galego na UE. Agora esa maioría pretende comezar a supresión do galego na única televisión que emite en galego e abandonar a presenza do noso idioma nos programas de intelixencia artificial da administración pública.

A Mesa chama a participar nesta concentración do martes 28 de xaneiro ás 9.30 diante do Parlamento de Galiza, así como nos plenarios comarcais que Queremos Galego está a impulsar de cara á manifestación do 23 de febreiro, Día de Rosalía, que sairá da Alameda para a praza do Obradoiro.


Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra