Noticias Noticias da Mesa

Concentración para exixir a demisión da Valedora do Pobo

A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse xunto á CIG Ensino para exixir a demisión ou cese de Milagros Otero

Marcos Maceira critica que a Valedora “é capaz de retorcer a lexislación para chegar á súa conclusión prefixada a costas á súa función”

“Actúa como curmá do zumosol e francotiradora das institucións contra o galego”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino concentráronse para exixir a demisión da valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, polos seus desprezos e amparo de vulneración de dereitos lingüísticos.

A valedora ten unha actitude manifesta en contra da xa escasa presenza da lingua galega na sociedade. Algunhas das actitudes contra o idioma nos que ela mesma actuou de oficio para eliminar o uso do galego é a petición  para que se editara a cartilla das vacinas en español ou a

petición para eliminar sinais de tránsito no noso idioma en Gondomar. Esta actitude chega nalgúns casos máis alá que a propia Xunta como no amparo á diminución de horas en galego por mor da LOMCE que vulnera o xa lesivo  decreto contra o galego.

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística denunciouse que a máxima responsábel da institución non só persegue a lingua de oficio, senón que tamén ampara casos de vulneración de dereitos lingüísticos. Otero Parga perseguiu a un centro de ensino por pendurar cartaces a favor do galego, amparou o abuso de poder no que a unha nena de 9 anos se lle restou nota por empregar a forma lexítima Galiza.

Esta é unha só unha mostra de desprezo e racismo lingüístico da responsábel da institución, pois xa se  produciron casos de vulneracións de dereitos lingüísticos que, lonxe de ser investigados pola Valedora, contaron co seu amparo. Esta actitude evidenciase no peche das investigacións comezadas nas máis de 300 queixas remitidas pola Mesa só no ano 2016.

Para o presidente da Mesa, Milagros Otero actúa como curmá do zumosol  e francotiradora das institucións contra o galego naqueles espazos onde o idioma conseguiu algún avance.

“Por cada documento do SERGAS en galego hai centos só en castelán que exclúen o galego; que o sistema educativo só consegue que quen entra falando galego saia falando castelán; por cada nena que usa Galiza hai miles que non conseguen que se fale do seu país en ningunha etapa educativa; por cada sinal de tránsito en galego hai miles só en castelán e que deturpan a toponimia utilizan formas que atentan contra a legalidade galega” indicou o presidente da Mesa diante das persoas concentradas. Pola contra, para repor minimamente o galego, para que se cumpra a LNL, non actúa a valedora.

“Se a Valedora en Galiza non é quen de defender as persoas atacadas por utilizaren a súa lingua aínda contando co amparo da lei, da declaración universal dos dereitos humanos ou a dos dereitos lingüísticos, como vai valer a alguén discriminado ou agraviado no exercicio de calquera outro dereito?

A Valedora debe demitir. Por encanto, A Mesa pola Normalización Lingüística actuará desde hoxe en correspondencia con esta exixencia. “Seguiremos remitindo queixas e denuncias á institución mais deixarán de estar remitidas ao seu nome. Facemos por último un chamado a todos os colectivos desamparados pola valedora a se uneren para facer valer o dereito a contarmos con institución que realmente nos defendan dos abusos. Precisamos dunha institución como o Valedor, mais só se realmente é útil” finalizou Maceira.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis