Será ás 11 horas na sala vermella do Auditorio Municipal de Ourense (rúa da Canle, 2)
A Mesa convocará a partir de agora a súa asemblea xeral cada ano nun concello diferente de Galiza
Prezada compañeira,
Prezado compañeiro,
Por medio da presente, ficas convocada/o á Asemblea Xeral de Socias e Socios que A Mesa pola Normalización Lingüística realizará o vindeiro 28 de abril no Auditorio Municipal de Ourense (rúa da Canle, 2), ás 10.30 horas en primeira convocatoria e ás 11 horas en segunda convocatoria (prevese o comezo a esta segunda hora). Desde esta ocasión A Mesa vai realizar a súa asemblea xeral nun concello diferente de Galiza.
A orde de traballos é a seguinte:
- 1. Debate e aprobación do Regulamento da Asemblea Xeral Extraordinaria.
- 2. Lectura e aprobación da acta da asemblea anterior.
- 3. Admisión e ratificación de altas e baixas.
- 4. Debate e aprobación da modificación do domicilio social da Mesa nos estatutos da asociación.
- 5. Exposición e aprobación do Informe de Xestión.
- 6. Exame e votación do Informe Económico de 2011.
- 7. Exposición das candidaturas para a nova Comisión Permanente. Debate e elección.
- 8. Exposición e aprobación, se proceder, da liña de actividades para o próximo ano.
- 9. Debate e aprobación, se proceder, do orzamento para o próximo exercicio.
- 10. Rogos e preguntas.
Se tes interese en recibir máis información sobre a proposta de regulamento, por favor solicítao por correo-e a amesa@amesanl.org e serache enviado por ese mesmo procedemento. O tope para a presentación de candidaturas á Comisión Permanente finaliza o día 20 de abril ás 14 horas.
Aproveito a ocasión para che lembrar a importancia de divulgarmos a folga estudantil convocada para o día 19 de abril e a manifestación nacional convocada para o 17 de maio ás 12 h na Alameda de Santiago de Compostela.
Unha forte e animosa aperta,
Carlos Manuel Callón Torres
Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2012