Máis de mil cincocentos escolares participarán nas festas concerto de Correlingua
O vindeiro 20 de outubro comezarán as actividades do Correlingua 2021 baixo o lema “Inmunízate co galego” que terán como principal oferta oito concertos en outras tantas poboacións galegas comezando pola Coruña. Os concertos celebraranse polo sistema de aula burbulla para manter todas as garantías sanitarias, con aforos controlados e con retransmisión en liña. Máis de 1.500 escolares participarán nos oito concertos previstos. As actividades completas de Correlingua para este outono foron presentadas na Deputación da Coruña pola deputada de Normalización Lingüística e Igualdade, María Muíño, Suso Bermello, secretario nacional da CIG Ensino; e Patricia Varela, presidenta da AS-PG. Tamén participaron na presentación a medios, o presidente de Correlingua, Anxo Terán; e a representante da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas. No Correlingua 2021 colaboran as deputacións de A Coruña, Lugo e Pontevedra, e os concellos de A Coruña, Pontevedra, Ponteareas, Vigo, Ferrol, Bueu, A Estrada, Verín e Foz.
Tras dar a coñecer nos pasados meses os gañadores e gañadoras dos concursos de Cantalingua, e os de vídeo e banda deseñada, máis o manifesto gañador para esta edición 2021 de Correlingua, a partir do vindeiro día 20 de outubro comezarán as actividades ao vivo coas alumnas e alumnos dos distintos centros. O punto principal das actividades son os oito concertos noutras tantas cidades e vilas galegas que ocuparán o calendario deste agora ata finais de novembro. Ademais dos concertos, este Correlingua 2021 ofrecerá actividades como obradoiros de escrita creativa, obradoiros de regueifas e banda deseñada e outras actividades de pequeno formato para desenvolver nos centros como a nomeada Palabras sobre o vento.
Os oito concertos se celebrarán fóra dos centros terán unha asistencia media de 200 alumnos e desenvolveranse baixo o sistema de aula burbulla para garantir as medidas sanitarias, e que supón unha novidade con respecto á edición anterior do Correlingua. Sobre esta segunda edición de Correlingua en tempos de pandemia falou a deputada responsable de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño, salientou a importancia de actividades como o Correlingua para “defender o dereito a medrar e a vivir en galego”. Muíño apuntou que este é “un dereito que agora mesmo non está garantido”.