Correlingua fai 20 anos movéndose pola lingua e volve aos centros tras o adiamento

Doce centros escolares de doce localidades galegas acollerán as actividades da celebración nunha edición que incorpora o streaming e que cumprirá con todas normas sanitarias de prevención

O Correlingua é unha actividade organizada por CIG-Ensino, A Mesa e a AS-PG, co apoio das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra

Pontevedra, 30 de outubro de 2020.-  O Correlingua cumpre 20 anos nunha situación excepcional pero máis decidida que nunca a ser unha festa da lingua e en facer participar as rapazas e rapazas dos centros escolares do país nunha celebración a favor do galego que non pode deterse. Correlingua pecha a paréntese aberta pola pandemia e volve aos centros escolares para reclamar unha vida en galego e o dereito ao uso da lingua propia.

Nesta edición, Correlingua terá presenza física en 12 centros escolares de outras tantas localidades galegas e contará coa participación de 9 artistas en 16 actuacións. As actividades de Correlingua comezarán o 5 de novembro en Narón e prolongaranse ao longo de todo o mes de novembro. Na pasada primavera, a celebración estendida da lingua viuse obrigada a adiar as súas actividades por causa da pandemia que, a día de hoxe, segue afectando á normalidade da vida en Galicia.

Na presentación da vixésima edición desta actividade, que se celebra baixo o lema, Vinte coa lingua!, participaron María Ortega, deputada do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio Material e Memoria Histórica, Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos;Alberto Oubiña; concelleiro de Xuventude, Normalización Lingüística e Coordinación do rural en Pontevedra; Anxo Terán, presidente da Asociación Cultural Correlingua; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Xacobe Rodríguez, secretario comarcal CIG-Ensino (Pontevedra).

Tal como se puxo de manifesto na presentación aos medios desta nova edición de Correlingua, as excepcionais circunstancias que concorren neste ano 2020 obrigan adaptarse a elas e polo tanto, as celebracións realizaranse de maneira controlada nos distintos centros que este ano acollen o Correlingua e engádese a transmisión dixital destas actividades para que todos os centros que o queiran poidan asistir virtualmente a elas. Deste xeito, Correlingua segue a celebrar coa rapazada dos centros o dereito a vivir en galego e a reivindicar o dereito a vivir nela. Segundo sinalou o presidente de Correlingua, Anxo Terán, a edición deste ano “non podía pararse”. Terán sinalou que por máis difícil que estea sendo a pandemia non se podía parar, “menos neste noso novo vixésimo aniversario. Xuntamos nestas últimas edicións profesorado que hai anos participaba como alumnado; imos medrando e por iso estamos ledas decelebrarmos os vinte anos, un ano especial para un Correlingua diferente”. Terán tamén adicou esta edición a alumnas e alumnos, ao profesorado, as institucións que nos levan apoiando todos estes anos”.

No mesmo sentido, a deputada provincial, María Ortega, sinalou a excepcionalidade do momento que se vive e a necesidade de que nestas circunstancias se siga traballando na defensa e no uso da lingua. Para o concelleiro de Pontevedra, Alberto Oubiña, a lingua “non é só para as celebracións e por iso é importante manter a actividade arredor dela e promover o seu uso diario”.

Así mesmo, Maceira non quixo deixar pasar a oportunidade de subliñar que a día de hoxe aínda hai limitacións dos contidos en galego para a rapazada e a mocidade, cunha programación da TVG limitada, motivo polo que a Mesa puxo en marcha a campaña para ter unha canle do Xabarín para axente moza, dobraxes en galego e outras melloras no audiovisual e acultura. O Correlingua, denominación que desde 2001 adoptan as diversas carreiras a prol do idioma que se celebran por toda Galiza, cumpre 20 anos, efeméride que conmemora co lema Vinte coa lingua, despois do exitoso O galego é a fórmula empregado en 2019.

Organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, trátase dunha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que nestes 20 anos de traxectoria acumulou diferentes recoñecementos, entre os que destaca o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña, polo seu «destacado compromiso coa lingua, capacidade de introducir o galego desde a infancia entre as máis cativas e cativos e por manter ese uso vivo a medida que medran a través de múltiples actividades».

Esas actividades teñen como obxectivos «propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións a prol dela», «sensibilizar a sociedade, a través da poboación infantil e moza, da importancia da defensa da lingua», «asociar o uso do idioma a actividades colectivas, lúdicas e de interacción entre o alumnado de diferentes centros e localidades» e «contribuír a manter vivo o maior patrimonio creado polas galegas e os galegos e implicar as xeracións máis novas no cumprimento deste obxectivo».

Cada ano son máis de 20.000 nenos e nenas, mozas e mozos, os que participan nas actividades desenvolvidas arredor da celebración do Correlingua e mesmo hai casos de persoas que tendo participado nun Correlingua como alumnos xa tiveron a oportunidade participar como Mestres. Neste sentido, hai quen considera que o mesmo que no seu día houbo unha xeración Xabarín, agora podemos falar xa dunha Xeración Correlingua.

Localidades Correlingua
Narón. Pazo da Cultura | 5 de novembro 20
Lugo. IES Nosa señora dos ollos grandes | 6 de novembro 20
O Rosal (CPI Manuel Suárez Marquier) | 12 de novembro 20
Pontevedra (CEIP de Xeve) | 18 de novembro 20
Moaña. Centro sociocultural Daniel Castelao (Quintela) | 19 de novembro 20
A Mariña. Xove. CEIP Caselles Rollán | 20 de novembro 20
Ourense. IES As Lagoas | 27 de novembro 20
Vigo (IES Ricardo Mella) |
A Coruña. CEIP. Alborada.
A Estrada
Zas. CPI de Zas
Rianxo

Artistas participantes
Luís Caruncho
Cuarta Xusta
AldaoLado
Isabel Risco
Cé Orquestra Pantasma
A Gramola Gominola
Paco Nogueiras
Monoulius
Biribirlocke

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra