O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, estivo presente no Correlingua de Tomiño que se celebrou esta quinta feira (xoves) 10 de maio na praza do Seixo.
Maceira, falou da traxectoria do Correlingua, a maior actividade de normalización de toda Galiza que cumpre 18 anos en activo, converténdose nunha xanela aberta á normalidade para o idioma propio de Galiza resultado do esforzo colectivo.
O Correlingua non só serve para dinamizar o galego no ámbito educativo, senón que tamén supón unha plataforma para dar a coñecer grandes nomes da música actual, das artes escénicas, da literatura ou do deporte. Neste sentido, o Correlingua é unha actividade imprescindíbel que mostra que existe a música, a literatura, as artes escénicas en galego.
Cada ano, o Correlingua aglutina o activismo social en favor do galego demostrando que en Galiza existe unha cultura e unha lingua dinámica e viva, que a mocidade está a favor do galego malia as dificultades para a súa utilización.
Se hoxe en día existe o Correlingua, é grazas á colaboración de diversas entidades como son a Mesa, a ASPG e a CIG Ensino, coa axuda tamén do profesorado, concellos e deputacións.
Finalmente Marcos Maceira animou á xente a empregar o galego sempre e en todo lugar, e fixo un chamamento á unión de entidades sociais para defender a lingua, instando ás institucións a se sumar, mais sobre todo á sociedade en xeral para que a normalidade plena sexa posíbel.