A Mesa pola Normalización Lingüística

CORREOS.- Unha reclamación da Mesa consegue que Correos corrixa a toponimia deturpada que empregaba no seu selado

A Mesa agradece a rápida xestión da sociedade pública estatal, mais recórdalle que “aínda queda moito por facer” para que o galego sexa “unha lingua normal”

A asociación salienta que “demandar si ten sentido, porque é como se garante que a lingua avance e acade novos usos”

A sociedade pública estatal Correos e Telégrafos vén de lle comunicar á Mesa que deu as instrucións oportunas para que a súa empresa colaboradora Sermoga Osorio Franqueo S.L., responsabilizada dos franqueos masivos, empregue nos seus selos a toponimia propia de Galiza legalmente estabelecida. 

A Mesa denunciara previamente que esta empresa colaboradora dos servizos postais empregaba nos seus formatos de selado formas deturpadas dos nosos nomes de lugar como *La Coruña, no canto da forma oficial A Coruña, a única que fixa a lexislación, tal e como estabelece o artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística. 

A maior asociación cultural de Galiza agradece e valora positivamente a “receptividade” de Correos á hora de atender a queixa formulada e corrixir o uso indebido dos topónimos galegos nesta súa empresa colaboradora. 

Con todo, a entidade cidadá considera que “aínda é moito o que queda por facer” para que o galego acade “verdadeira consideración de lingua plenamente oficial” nesta sociedade pública de carácter estatal que presta un servizo esencial e por iso é que “seguirá a recordar a Correos as súas obrigas tantas veces como for preciso”. 

A Mesa pon como exemplos a sinaléctica das oficinas, campañas publicitarias ou materiais que seguen a excluír a lingua propia de Galiza, ao tempo que demanda da sociedade unha “correcta formación” do persoal encargado do atendemento ao público para garantir que os dereitos lingüísticos das usuarias e usuarios do servizo postal non se vexan vulnerados, nomeadamente o dereito á atención en galego.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra