En galego… festa rachada!

 

O galego é a lingua propia de Galiza . Porén, en moitos ámbitos, o galego non é visíbel. Persisten os prexuízos de que o galego non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público. Mantense a vinculación do galego ao atraso, tamén aos ámbitos informais.
Hai quen pensa que o galego está ben para o falar na casa, cos amigos e amigas mais non ten o prestixio suficiente para o empregar na administración, nos medios de comunicación, no ensino… e tampouco na festa.
U-lo galego nas festas? A nosa lingua non está presente en moitas festas que hai no noso país ao longo de todo o ano. A presenza da música en galego é anecdótica, unha ou dúas pezas para contentar o público máis nostálxico… O emprego do galego é algo folclórico. Mesmo ante un público galegofalante non usan a nosa lingua ou esta é obxecto de burla.
No verán estamos expostos e expostas á música española de moda. Non temos cancións galegas do verán.
Isto non é normal!
A música galega está viva.
Podemos escoller entre centos de grupos que usan a nosa lingua.
Podemos escoller o estilo do que máis gustemos: pop, rock, indie, blues, electrónica, heavy, rap, jazz, clásica, punk, reggae…ahhhh!!!, e tamén, folk.
Podemos rir, chorar, pensar, relaxarnos, desconectar, correr, bailar, ligar ou ir de troula coa música galega.
A música en galego chega ao corazón, emociona; é parte da nosa historia, da nosa identidade; non nos deixa indiferentes.
É tradición, é parte de nós. Compartimos cancións varias xeracións. As nosas nais, avoas, os nosos pais, avós e demais parentes transmitíronnos este patrimonio musical que nos alegra o ouvido e a vida.
Queremos máis festas como os festivais de Pardiñas, como o Revenidas, como o Intercéltico de Moaña, como a Festa da poesía, como o Irmandiño de Moeche, como o Lugnasad, como o Castañazo Rock, como a Festa da Carballeira…
Non queremos música casposa, nin discursos homófobos e sexistas nas festas.
Gustamos da festa rachada, de ir de troula, de esmorga, de ruada e, sobre todo, de ir de festa coa música galega!

 

EN GALEGO… FESTA RACHADA!

Realizado e gravado por Marcos Paino.

Participan:

Baldomero Iglesias (Mero) (A Quenlla, Fuxan os Ventos)

Xosé Luís Rivas Cruz (Mini) (A Quenlla, Fuxan os Ventos)

O Leo ( O Leo i Arremecaghoná, Das Kapital, Labregos no tempo dos Sputniks)

María da Pontragha (Sacha na Horta, Pandereteiras Bouba)

Vituco Neira (Ruxe-Ruxe, Barbitúricos)

Xurxo Souto (Os Diplomáticos de Monte-Alto, Os 3 Trebóns)

Alonso Caxade (Caxade, Orquesta Os Modernos)

Mané dos Cadavas (Sacha na Horta)

Arantza Alfaia Caride (Habelas Hainas)

Patri Gamallo Lama (Habelas Hainas)

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra