Axúdanos a difundir esta campaña pola promoción da música galega nas festas.
Comparte o vídeo nas túas redes sociais!
O galego é a lingua propia de Galiza . Porén, en moitos ámbitos, o galego non é visíbel. Persisten os prexuízos de que o galego non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público. Mantense a vinculación do galego ao atraso, tamén aos ámbitos informais.
Hai quen pensa que o galego está ben para o falar na casa, cos amigos e amigas mais non ten o prestixio suficiente para o empregar na administración, nos medios de comunicación, no ensino… e tampouco na festa.
U-lo galego nas festas? A nosa lingua non está presente en moitas festas que hai no noso país ao longo de todo o ano. A presenza da música en galego é anecdótica, unha ou dúas pezas para contentar o público máis nostálxico… O emprego do galego é algo folclórico. Mesmo ante un público galegofalante non usan a nosa lingua ou esta é obxecto de burla.
No verán estamos expostos e expostas á música española de moda. Non temos cancións galegas do verán.
Isto non é normal!
A música galega está viva.
Podemos escoller entre centos de grupos que usan a nosa lingua.
Podemos escoller o estilo do que máis gustemos: pop, rock, indie, blues, electrónica, heavy, rap, jazz, clásica, punk, reggae…ahhhh!!!, e tamén, folk.
Podemos rir, chorar, pensar, relaxarnos, desconectar, correr, bailar, ligar ou ir de troula coa música galega.
A música en galego chega ao corazón, emociona; é parte da nosa historia, da nosa identidade; non nos deixa indiferentes.
É tradición, é parte de nós. Compartimos cancións varias xeracións. As nosas nais, avoas, os nosos pais, avós e demais parentes transmitíronnos este patrimonio musical que nos alegra o ouvido e a vida.
Queremos máis festas como os festivais de Pardiñas, como o Revenidas, como o Intercéltico de Moaña, como a Festa da poesía, como o Irmandiño de Moeche, como o Lugnasad, como o Castañazo Rock, como a Festa da Carballeira…
Non queremos música casposa, nin discursos homófobos e sexistas nas festas.
Gustamos da festa rachada, de ir de troula, de esmorga, de ruada e, sobre todo, de ir de festa coa música galega.
EN GALEGO… FESTA RACHADA!