Expertos do Consello de Europa salientan algúns dos incumprimentos da Carta europea das linguas advertidos pola Mesa no ensino, saúde, xustiza, consumo, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas e reclámalles á Xunta e ao Estado que cumpran o tratado
A entidade de defensa da lingua esixe a derrogación urxente do decreto contra o galego: “Galiza está en emerxencia lingüística e a Xunta ten a responsabilidade de solucionar a situación”
Compostela, 12 de decembro de 2019.- O Comité de Expertos do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas por parte das institucións españolas ven de facer público un contundente
informe no que insta por terceira vez á derrogación do decreto contra o galego no ensino e recolle as principais obxeccións sobre a situación do galego no ensino, saúde, xustiza, consumo, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas sinaladas pola Mesa no informe que lle presentou en decembro de 2018.
Para a entidade en defensa da lingua, o sinalado polos expertos do Consello de Europa é unha emenda á totalidade da política lingüística da Xunta e sitúaa fóra do marco democrático e de respecto polos dereitos fundamentais. O presidente da Mesa, Marcos Maceira, afirma que a mensaxe do Consello de Europa é clara: “o decreto de 2010 foi un ataque contra o galego e contra a Carta europea das linguas”, polo que “o decreto contra o galego debe ser derrogado inmediatamente“. “O que levamos 10 aos dicindo en Galiza”, afirma Maceira, “repítenllo por terceira vez desde o Consello de Europa: Galiza está en emerxencia lingüística e a Xunta ten a responsabilidade de solucionar a situación”.
Tal e como se vén advertindo reiteradamente por parte da Mesa, o Consello de Europa recorda que a Xunta ten que corrixir as dificuldades para o uso do galego no SERGAS e, sobre todo, en todas as etapas do ensino. “Só o fanatismo e o odio ao galego explican que Feixó e o Partido Popular non sintan a máis mínima vergoña perante o terceiro informe negativa que recibene manteñan a súa postura”, advirte Marcos Maceira, que lle lembra unha vez máis ao Presidente da Xunta que “o seu deber de defender os intereses e as necesidades de Galiza” e que “a lingua é unha necesidade para calquera pobo e poder vivir nela é ademais un dereito humano que ampara a Carta“.
O Estado tamén ten responsabilidade. O Consello recorda que debe dotarse de prazas en Galiza que requiran coñecemento de galego e que ten que asegurar o uso do galego nos procementos xudiciais sempre que o pida algunha das partes. “O novo goberno”, recorda Maceira, “debe actuar para cumprir cun tratado internacional ratificado por el mesmo eliminar as restricións ao uso das linguas propias”. “Esperamos”, conclúe, “que o novo goberno do Estado deixe de utilizar o BOE para vulnerar dereitos lingüísticos e recoñeza a realidade plurilingüe”.
A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas.
As recomendacións máis urxentes do Consello de Europa son:
- Eliminar as limitacións para o ensino en galego en todos os niveis educativos
- Corrixir a lei, para asegurar o uso do galego nos procedementos xudiciais se algunha das partes o solicita
- Que a administración do Estado empregue o galego en Galiza
Tamén recomenda:
- Aumentar o uso do galego nos servizos públicos
- Facer públicas as avaliacións do uso do galego na educación
- Asegurar que as informacións de seguridade están, tamén, sempre dispoñíbeis en galego.
Ligazóns: Informe do Consello de Europa | Reaccións de Marcos Maceiras (audio) | Relatorio sobre a aplicación en Galiza da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (2014-2016)