FADEMGA obriga a facer os seus exames só en castelán

A Mesa pola Normalización Lingüística tramita unha queixa ante a Federación Galega de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento (FADEMGA) pola grave vulneración de dereitos lingüísticos básicos co seu alumnado.

A Federación imparte diversos cursos nos que se lle facilita ao alumnado unha copia dos exames en galego e outra en castelán. Porén, nas normas e información para a realización das probas indícase que unicamente se pode realizar en castelán. Por se isto fose pouco, a entidade pretende desculpar esta imposición argumentando que se debe facer en castelán porque “estuvisteis estudiando y haciendo actividades en castellano. El modelo en gallego tiene palabras muy difíciles”.

Este feito supón un evidente caso de vulneración de diversa lexislación vixente como é o caso do Estatuto de Autonomía no que se recolle que ninguén pode ser discriminado por razón de lingua, da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística e da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia na cal se recolle no seu artigo 6.3.f que os dereitos lingüísticos de todas as persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais deberán ser respectados así como promover con estas persoas unha oferta positiva en galego.

O presidente da Mesa Marcos Maceira, apunta que desde a entidade en defensa e promoción do galego actuarán para rematar con estas actitudes pois supoñen un desprezo á lingua e cultura de noso.

Finalmente, Maceira anima a que todas as persoas que se vexan nunha situación semellante, denuncien e fagan valer os seus dereitos.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra