O Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participará nun coloquio no Foro Europeo da Diversidade Lingüística
O Foro de San Sebastián organizado pola casa da UNESCO reunirá a axentes, entidades e especialistas que traballan para a defensa e a promoción das linguas minorizadas europeas
Após o Foro, o 17 de decembro, terá lugar a presentación do Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2016-. O Foro de San Sebastián reunirá a axentes, entidades e especialistas que traballan para a defensa e a promoción das linguas minorizadas europeas, e acollerá relatorios, conferencias e debates en diversos formatos, onde se analizarán as dificultades existentes e identificaranse oportunidades. Este foro, organizado pola casa UNESCO e Donostia 2016 capital Europea da Cultura pretende pór en valor a diversidade lingüística como eixo clave en Europa.
A quinta feira (xoves) 15 de decembro o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, participará nun coloquio no Foro Europeo da Diversidade Lingüística que estará presentado polo Secretario Xeral de Kontseilua (Consello dos organismos sociais do eúscaro), Paul Bilbao. Neste coloquio que leva por título O protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos, o que é? De onde vimos? Onde imos? participarán tamén representantes de Hizkuntz Eskubideen Behatokia (Euskal Herría) e Conradh na Gaelgie (Irlanda).
Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos
Este coloquio dentro da programación do Foro Europeo da Diversidade Lingüística celébrase previamente á presentación do Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos.
O Protocolo de Donostia presentarase o día 17 de decembro no palacio de congresos do Kursaal, no marco do proxecto impulsado pola Fundación Donostia 2016 e Kontseilua, e suporá un importante fito na defensa dos dereitos lingüísticos.
Segundo sinalan os promotores do documento internacional, o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos será froito do proceso de acordo desenvolvido os anos previos para construír unha ferramenta que permita reverter a situación das linguas minorizadas e construír unha Europa baseada na igualdade entre as comunidades lingüísticas. O Protocolo será trasladado a foros e instancias internacionais para que institucións de diverso carácter utilíceno como instrumento regulador do seu compromiso coa diversidade lingüística”.
No Comité científico que desenvolveu as achegas das entidades sociais de toda Europa ao documento final, participou a profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro, que xa formara parte da redacción da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos de 1996, unha das bases para a elaboración do Protocolo de Donostia.
Entre as entidades galegas que xa manifestaron a súa adhesión ao Protocolo para a Garantía dos dereitos lingüísticos figuran A Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, a Asociación Profisional de actores e actrices da dobraxe de Galiza (Apradoga), a Coordinadora de traballadoras/es pola Normalización Lingüística, Escolas de ensino em galego A Semente ou Prolingua galega.
O texto do protocolo será traducido ao galego e difundido en diversos formatos tras a presentación do 17 de decembro.