A vicepresidenta da Mesa escribe sobre o idioma no ámbito sanitario no seu último artigo no xornal electrónico Sermos Galiza.
Galego na sanidade: mala saúde e peor prognóstico
Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa e coordinadora da xestora de Queremos Galego
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística vimos de denunciar un outro caso de discriminación por lingua, neste caso no acceso ao servizo sanitario, servizo público, inda que empurrado perigosamente polo goberno do PP a unha privatización que pode traer terribles consecuencias.
Non é o primeiro caso que se denuncia de graves discriminacións e mesmo conculcación de dereitos lingüísticos na Sanidade Pública galega. Gustaríanos que fose o último, porque non é sen tempo, mais é de temer que non sexa así.
Desta volta, nun hospital privado concertado de Pontevedra, a onde foi derivada desde a pública, cando entregan a unha persoa os documentos de cara a unhas probas previas a unha intervención cirúrxica, e esta persoa solicita os mesmos documentos en galego, non só lle son negados, senón que se lle indica que se quere ver realizados os procedementos sen atrasos na data é mellor que asine os documentos en español, porque de non ser así, tería que agardar a que lles fora remitida a tradución dos tais documentos co conseguinte atraso de todas as probas previas á operación. Gravísimo caso no que a unha persoa, por querer vivir plenamente na súa lingua (lingua propia de Galiza, lembremos) se lle limita o acceso a un servizo público. Así sucedeu, esta persoa viu atrasadas as probas preoperatorias simplemente por solicitar ser atendida na súa lingua, na lingua galega.
Xa nunha anterior ocasión se producira un feito similar noutra clínica privada concertada, desta volta de Vigo, e a raíz daquel caso e da denuncia que desde A Mesa se fixo, a Xerencia do SERGAS para saír do paso emitiu unha nota informativa a todo o persoal na que se comunicaba que a Secretaría Xeral de Política Lingüística estaba á disposición de quen a precisara para realizar traducións de documentación en menos de media hora. É evidente que, á marxe de que a medida de urxencia adoptada sexa, cando menos, cuestionable, vindo da Administración que tén que garantir os dereitos lingüísticos dos pacientes, non é en absoluto efectiva, á vista dos resultados no caso que agora nos ocupa.
Os poderes públicos están obrigados a velar polo cumprimento das leis e entre elas, o propio Estatuto de Galiza di, no seu artigo 5.4, que “ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua”. No caso que vimos de denunciar, alén doutras normas, está a se incumprir algo tan básico coma isto. E inda resulta máis grave sendo a propia Administración a que facilita esta discriminación, cando non a produce directamente.
O feito en cuestión sucedeu nun hospital privado, concertado coa Sanidade Pública, que todas e todos pagamos, e agora mesmo re-pagamos, e que o goberno galego está a levar á destrución absoluta coa súa política privatizadora. Cónstame, por ter eu relación coa sanidade por dúas vertentes (como usuaria e como traballadora), que se non saen máis casos á luz coma este ou semellantes, sexa nos centros concertados, sexa mesmo nos centros públicos (onde tamén se dan), é porque ante unha cuestión tan delicada como é a vivencia dunha enfermidade, moita xente desiste no uso dos seus dereitos lingüísticos para non ver dificultado o seu acceso ao dereito á saúde. Se nos colocan na disxuntiva de mellorar dunha enfermidade canto antes a costa de ceder o uso da nosa lingua, é de entender que haxa declinacións. O medo é libre, e tod@s queremos vivir moitos anos coa máxima saúde posible.
Por iso é aquí precisamente onde a Administración debería poñer todo da súa parte para que nunha situación de febleza como é a necesidade de atención médica, as persoas non teñan que pensar noutra cousa que non sexa a súa saúde, para que non teñan que poñerse a pelexar polo seu dereito a se expresar e seren atendidas na súa propia lingua.
Mais, sabémolo ben, o goberno do PP nin se esforza nesta cuestión, nin pon nada da súa parte, nin sequera ten o máis mínimo interese en que as cousas muden. Ou quizais si, quizais no PP teñen interese en que muden a peor. Desde a Consellaría de Sanidade, por exemplo, seguen mantendo sen cambios nin melloras, un aplicativo informático para a atención médica, Ianus, que impide que @s profesionais poidan atender plenamente en galego ás persoas que se achegan a unha consulta ou que son ingresadas nun hospital. Entre outras eivas, a suposta tradución ao galego desta ferramenta informática coxea en moitísimos apartados, nos que non existe tal tradución. Sen ir máis lonxe, as bases de datos de codificación diagnóstica que emprega este aplicativo, como pode ser o CIAP, non están traducidas ao galego, e ao SERGAS débelle parecer tirar os cartos esforzarse porque se chegue a realizar esa tradución porque, en palabras dunha directiva, “en plena crise non imos dedicar partidas a iso”, coma se o problema xurdira en plena crise (o Ianus leva implementado completamente no SERGAS desde o ano 2006, mais o CIAP existe e emprégase no SERGAS desde moitísimos anos antes) ou coma se o que denominan “iso” non supuxera garantir os dereitos das galegas e galegos. Ou como dicía, o goberno do PP igual o que pretende é que as cousas muden a peor, e por ese motivo, cando se implementou a última versión do Ianus, modificouse a lingua por defecto deste aplicativo do galego ao español. Se antes recibiamos da nosa médica de cabeceira unha “Folla de prescrición activa” agora o que nos dá é unha “Hoja de prescripción activa”. Mellorando, como se pode ver, na garantía dos dereitos lingüísticos na sanidade.
É un tema este que dá para máis dun artigo. Quizais o aborde nalgunha outra ocasión para falar por exemplo da Instrución 11/2005 sobre o emprego do galego nos documentos da Consellaría de Sanidade e do SERGAS, e dos continuos incumprimentos que desde a propia Administración sanitaria se fan dela; das numerosas ocasións en que o persoal da sanidade non pode garantir os dereitos lingüísticos d@s doentes por non dispoñer das ferramentas necesarias; de como o SERGAS abdica da súa obriga de formación en lingua galega a ese mesmo persoal; de porqué unha das primeiras medidas de Alberto Núñez Feijóo ao chegar ao goberno foi eliminar o requisito de demostración de coñecemento da lingua galega no acceso á función pública (e polo tanto ao emprego na Sanidade Pública) ou das numerosas ocasións en que a intolerancia e a imposición conducen ao rexeitamento, desprezo e humillación das persoas galego-falantes.
Tempo haberá para abordar estas cuestións. E de seguro que habemos ter razóns que nos fagan denunciar outros casos, porque no tocante ao galego na sanidade o diagnóstico non é bo, mais o prognóstico tampouco é mellor.