A xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación’ celebrarase o sábado 29 de xuño, desde as 9.45 horas, en Santiago de Compostela
Esta actividade realizarase conxuntamente cunha campaña que se desenvolverá en librarías do conxunto do país para que a sociedade galega se achegue á obra do político galego
A Federación de asociacións culturais galega reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas para achegármonos ao contexto cultural, social e político da Galiza na que se trouxeron os restos de Castelao así como farán unha aproximación á vixencia do seu pensamento e da súa obra na actualidade
O Museo do Pobo Galego albergará esta xornada de mañá e tarde que presenta unha extensa programación con palestras, debates, mesas redondas e proxeccións de audiovisuais
O vindeiro sábado 29 de xuño, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, que acubilla ao tecido asociativo do sector no país, organizará, desde as 9.45 horas, no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, a xornada ‘Revivindo Castelao. 40 anos de silencio e ocultación‘, coincidindo co aniversario da traída dos seus restos a Santo Domingos de Bonaval.
A xornada, que reunirá a historiadores, docentes, xornalistas e economistas, ten por obxecto, en sendas quendas de mañá e tarde, analizar o contexto cultural, social e político no que esta traída se realizou, recuperar o pensamento e a obra do político galego e a analizar a súa vixencia na actualidade.
Dadas as limitacións de aforo, é necesaria a anotación previa nesta xornada, dando prioridade á orde de inscrición, pudendo facerse esta unicamente a través do correo da Federación, isto é federacion@galizacultura.gal.