A Federación Galiza Cultura de asociacións culturais anunciou esta segunda feira a concesión do Premio Nacional Galiza Cultura ao profesor, escritor e investigador Francisco Rodríguez, a quen se lle recoñecen os seus cincuenta anos ao servizo da cultura galega
A entrega terá lugar o sábado 22 de abril en Ferrol, cidade natal do premiado
Incricións ao acto na web de Galiza Cultura
Entrega, traballo e dedicación foron as palabras máis salientadas e reiteradas na rolda de prensa en que se comunicou o fallo do Premio Nacional Galiza Cultura, que outorga por vez primeira a federación de asociacións culturais homónima e que recaeu en Francisco Rodríguez Sánchez (Serantes-Ferrol 1945), profesor, escritor e investigador e, sobre todo, traballador, tal e como salientou a presidenta da Federación Galiza Cultura, María Pilar García Negro.
As asociacións culturais que forman parte da Federación decidiron por unanimidade a concesión do premio a Francisco Rodríguez, que o recibirá na súa terra natal, Ferrol, o 22 de abril, nun xantar aberto á participación de quen o desexar. Aliás, máis de trinta entidades adheríronse á adxudicación do recoñecemento ao escritor e estudoso baixo o título “50 anos ao servizo da cultura galega”. O proceso de adhesión, tal e como se informou na rolda de prensa, segue aberta en Galiza Cultura, web en que nos próximos días tamén se activará o formulario de inscrición ao xantar.
Após salientar a unanimidade ao redor do premiado, García Negro ofreceu unha radiografía sobre a cultura que non é de base, “o campo da cultura está por veces moito contaminado de ostentación, de representación clientelar, mesmo caciquil, e estas modalidades que acabo de citar teñen asento, coñecémolas na nosa sociedade”. “Doutra banda, observamos unha importante mingua nos orzamentos destinados á produción cultural por parte dos departamentos correspondentes e, en concreto, por parte dunha consellaría de Cultura que, por certo, non existe de maneira individual como tal, e algo peor aínda, unha falta de vontade e interese político real”, engadiu.
Fronte aos órganos oficiais, a profesora da UDC e escritora, colaboradora de Sermos Galiza, subliñou a parte da actividade cultural que “depende de vontade” e “do sentido do país, de termos un interese activo por coñecermos a nosa historia, por asegurarmos un futuro que olle para unha riquísima e moi potente produción cultural como a que existe na nosa nación”. Nesta dimensión é onde situou a escolla de Francisco Rodríguez como persoa merecente do primeiro premio nacional que entrega Galiza Cultura.
García Negro puxo de manifesto que estamos diante dunha “personalidade moi rica que combina moitas facetas singulares”. En primeiro lugar, citou o Francisco Rodríguez “investigador da lingua e da literatura galega desde os seus anos universitarios en Madrid até a actualidade”; en segundo lugar, “o catedrático que sempre quixo imprimir galeguidade activa tanto no uso da lingua como na explicación sobre a literatura nas súas aulas”; e, en terceiro lugar, un “intelectual que con toda comodidade e tranquilidade, podendo ter ficado en Madrid, nos últimos anos da década dos sesenta, propositadamente retornou a Galiza”.
A presidenta de Galiza Cultura tamén expuxo a combinación da dedicación intelectual e cultural de Francisco García “cos seus servizos no Parlamento galego, entre 1993 e 1996, na cuarta lexislatura, e a partir deste ano, cunha representación que para Galiza tivo carácter inaugural”. Lembrou que por primeira vez o nacionalismo galego accedía ao Congreso. “Durante 12 anos, representou neste posto brillantemente os intereses do noso país e, dentro deles, a preocupación por moitos aspectos do noso patrimonio e da nosa historia e da necesaria contribución financeira por parte do Estado a institucións galegas”, acrecentou.
A respeito do nexo de Rodríguez coa cultura de base, García Negro destacou que “ostenta o récord de maior e máis persistente colaboración directa coas asociacións culturais do país, con independencia de lugares, foros ou persoas”. A presidenta da federación concluíu a súa intervención coa posta en valor do traballo científico e de investigación continuado do premiado con “rigor e honestidade”.
Entrega para a cultura e o país
Elia Rico, presidenta da Sociedade Cultural Medulio, salientou do premiado –que forma parte da directiva da asociación ferrolá- a súa entrega á cultura e ao país e a súa humildade, “toda a xente que está relacionada con el sabe que está totalmente entregado e que vive para a cultura e para o seu país”. “Non hai prioridade máis importante para el que o descubrimento da cultura deste país e da súa historia”, engadiu.
A presidenta de Medulio, que repasou, con exemplos, a achega do premiado á asociación, afirmou que Francisco Rodríguez é “motor esencial” da programación de Medulio co obxectivo de “ir quitando páxinas ao silencio e ao ostracismo que esta sociedade ten do que somos, do que representamos no país e dos nosos escritores e clásicos”.
Tamén tomou a palabra, en nome da Mesa pola Normalización Lingüística, Celia Armas, quen enxalzou dous aspectos do premiado, “por un lado, a brillantez como estudoso, sociolingüista, investigador e divulgador da nosa cultura e, por outro, a súa participación en distintas asociacións culturais comprometidas coa divulgación da cultura e do patrimonio”. Aliás, fixo referencia ao seu compromiso inquebrantábel coa dignificación da lingua.
Por parte da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, AS-PG, o seu presidente, Xoán Costa, informou da relación de Francisco Rodríguez coa AS-PG desde o momento en que naceu a entidade, “foi coa AS-PG onde desenvolveu o seu maior talento investigador, basicamente asociado á figura de Rosalía de Castro”. Lembrou que foi a AS-PG quen publicou a tese de doutoramento do premiado, a primeira sobre a autora de Cantares Gallegos, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, que “curiosamente ningunha editorial do país se atreveu a publicar naquela altura”. Citou outros dos seus traballos editados pola AS-PG, como Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, e finalizou lembrando o impulso que lle deu Rodríguez á publicación da Historia da Literatura Galega en 50 entregas durante 50 semanas e que levou aos quiosques do país as grandes obras da nosa literatura.
As entidades
Ao inicio da rolda de prensa, Xosé Manuel Sánchez Rei, vicepresidente da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña) –en cuxo local tivo lugar a presentación do premio-, deu conta das entidades que convocaron o recoñecemento e das que se adheriron.
Convocan: Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (A Coruña), Asociación Cultural Maio Longo (Pontevedra), Asociación Cultural Vagalumes (A Estrada), Sociedade Cultural Medulio (Ferrol), Asociación Cultural A Pomba do Arco (Foz), Agrupación Cultural Francisco Lanza (Ribadeo), Asociación Cultural Auriense (Ourense), Asociación Cultural O Castro (Vigo), Asociación Cultural e Musical Solfa (Compostela), Asociación Cultural Altofalante (Ribeira), Agrupación Cultural O Galo (Compostela) e Universidade Popular de Corcubión.
Adheríronse: Asociación Veciñal Agra do Orzán (A Coruña), Asociación Cultural Alba de Gloria (Soutomaior), Asociación Cultural Almuinha (Marín), Asociación Cultural Arrincadeira (Riotorto), Asociación Veciñal Atochas-Montealto (A Coruña), Agrupación Cultural Avantar (O Carballiño), Asociación Cultural Barbantia (Boiro), Asociación Cultural A Cabana (Moraña), Frente Cultural Canlear (Mos), Asociación Cultural e Veciñal Os Carrilanos (Castrelo de Val), Asociación Veciñal Os Castros (A Coruña), Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (Salvaterra de Miño), Asociación Cultural Correlingua (Compostela), Fato Cultural Daniel Castelao (Pasaia, Euskal Herria). Asociación Cultural A Devesa (Noia), Asociación Cultural Eira Vella (Betanzos), Asociación Cultural LugoPatrimonio (Lugo), Asociación Cultural Lumieira (Carballo), Colectivo Cultural Ollomao (Barreiros), Colectivo Pensamento e Sementeira (Viveiro), Sociedade Cultural e Deportiva de Raxó (Poio), Asociación Cultural Rosalía de Castro (Barakaldo, Euskal Herria), Asociación de Mulleres Galegas no Exterior Rosalía de Castro (Madrid, España), Asociación Cultural Roxín Roxal (Paderne), Asociación Cultural As Sobreiras do Ulla (Touro), Asociación Cultural Os Tres Pés (Trabada), Associaçom Cultural Xebra! (Narón) e a Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz).
Aliás, apoian o premio a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS‑PG), Confederación Intersindical Galega‑Ensino (CIG‑Ensino), Fundación Galiza Sempre e A Mesa pola Normalización Lingüística.
Fonte: Sermos Galiza