O pasado 30 de marzo deixábanos Antía Cal, mestra e licenciada en Xeografía e Historia, e fundadora da escola Rosalía de Castro de Vigo, pioneira no uso do galego no ensino, un eido no que impulsou prácticas renovadoras grazas ás súas viaxes a Europa e ao contacto co colectivo Rosa Sensat de Cataluña.
Rescatamos da hemeroteca da Mesa esta entrevista que lle fixemos no ano 2007 para a revista Longa Lingua. Unha conversa na que Antía Cal explícanos desde a súa relación co galego até os “pequenos” atrancos que atopou na súa vida por ser muller. Unhas problemáticas que desgraciadamente seguen moi presentes na actualidade e que pouco mudaron dende que Antía Cal comezou a dar clase.
Nesta conversa, ademais das súas experiencias como educadora, Antía Cal repasa os capítulos bos e non tan bos na súa vida: o amor polo seu marido, o médico galeguista Antón Beiras, e o seu tráxico falecemento, no ano 1968, a infancia en Cuba, a súa loita para conseguir estudar na Universidade… Ademais do seu home, chama a atención a cantidade de persoas extraordinarias que se cruzaron no camiño de Antía, e pasaron a formar parte da súa extensa nómina de amigos. Algúns son coñecidos e recoñecidos pola sociedade: Celso Emilio Ferreiro e a súa dona Moraima; Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda; Valentín Paz-Andrade, Marta Mata, Ramón María Aller… Outros, máis alleos aos medios de comunicación, como Lina Carvajal, Dorothy Coombe ou Mister Mann.