INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN NÓS DE ONTE A HOXE: 100 ANOS DE HISTORIA

A FEDERACIÓN DE ASOCIACIÓNS CULTURAIS GALIZA CULTURA, en colaboración co MUSEO DO POBO GALEGO, inaugurará o próximo día 11, mércores, ás 17’30 horas, no claustro do Museo citado, a Exposición NÓS DE ONTE A HOXE: 100 ANOS DE HISTORIA.

GALIZA CULTURA conmemora así o centenario dunha iniciativa singular e decisiva na historia contemporánea da Galiza: o nacemento da revista Nós, cuxo primeiro número ve a luz o 30 de Outubro de 1920, revista de alta cultura que coloca a lingua, as artes e a ciencia galega nun nível privilexiado de calidade. Adiantámonos á celebración dunha publicación que é herdeira directa do espírito das Irmandades da Fala (1916), do renacido boletín A Nosa Terra (1917) e da I Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), que son os seus antecedentes directos.

A exposición leva como lema: SER DIFERENTE É SER EXISTENTE, extraído do uso que del fai Vicente Risco en “Nós, os inadaptados”, e realiza un percurso pola significación e a obra dos seus principais persoeiros: VICENTE RISCO, director literario; CASTELAO, director artístico; RAMÓN OTERO PEDRAIO, ÁNXEL CASAL… e, con eles, a proxección que significou para artistas e escritores novos, así como a conexión co Seminario de Estudos Galegos (1923), outra iniciativa capital que marca o inicio dunha ciencia multidisciplinar en galego e sobre a Galiza.

É, pois, amplamente, o Grupo Nós o estudado, con atención especial e lóxica conexión xeracional, á figura de RICARDO CARVALHO CALERO, dedicatario do próximo Día das Letras Galegas 2020, testemuña excepcional desta época e estudioso constante da obra dos principais artífices do Grupo.

No acto da inauguración estarán presentes D. Xosé Regueira e D. Xurxo Couto, vicepresidente e deputado responsábel de Cultura, respectivamente, da Deputación Provincial da Coruña, que patrocina esta Exposición; D. Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; D. Carlos L. Bernárdez, comisario da Exposición; D. Luís Martínez-Risco, presidente da Fundación Vicente Risco, colaboradora da mesma; Dª Mª Antonia Pérez, presidenta da Asociación Cultural O Galo, de Compostela, e María Pilar García Negro, presidenta da Federación Galiza Cultura. A Coral Solfa interpretará dúas pezas musicais, para pór de relevo a importancia que o Grupo e a revista concedían á arte musical no conxunto da cultura galega.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra