Información para socias e socios
O artigo 15 do estatutos da Mesa pola Normalización Lingüística estabelecen que se debe celebrar a Asemblea Xeral da Mesa unha vez ao ano e entre os meses de xaneiro e abril incluídos. Neste sentido, a data prevista pola Comisión Permanente da Mesa para a convocatoria da Asemblea Xeral era o sábado 25 de abril
Porén, a situación de estado de alerta fixada polo Real Decreto 463/2020 polo que se declara o estado de alerta, e a posibilidade de prorrogarse máis tempo, impédenos convocala con garantías suficientes de se poder celebrar nestas datas. Por este motivo, a Comisión permanente decidiu por unanimidade esperar a que a situación permita manter a Asemblea Xeral cunhas garantías mínimas de participación de todas as socias e socios.
Ademais informámosche de que perante a grave situación económica derivada da emerxencia sanitaria que con certeza afectará a grande parte das socias e socios, a Comisión Permanente decidiu tamén pospor o pagamento das cuotas de abril a xullo.
De calquera xeito, agradeceríamos a aquelas persoas que se encontraren en dificuldades para este pagamento que que nolo comuniquen á maior brevidade posíbel para evitar o envío da cuota e non termos devolucións imprevistas.
Como xa foi comunicado, a Mesa manterá a súa actividade fóra da súa sede de Santiago de Compostela, permanecendo activa a administración e o servizo da Liña do Galego. Non se realizarán envíos postais nen aquelas actividades que precisen da presenza física do persoal na sede da Mesa.
Obrigados pola comprensión moita forza e ánimo para superarmos esta situación.