A iniciativa lexislativa “Sentido Común” para o dereito ao uso do galego no ámbito económico rexístrase con máis de 28.000 apoios

É a ILP do Sentido Común e a da conquista da liberdade para empregarmos o galego sempre e en todo lugar

A ILP impulsada pola Mesa Normalización Lingüística foi rexistrada e presentada ao Presidente do Parlamento grazas ao amplo popular

Marcos Maceira: “ De se aprobar e se cumprir será o principal avance para o galego en 34 anos de Lei de Normalización Lingüística”

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2017-.  O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira e a membro da súa Comisión Permanente, Celia Armas, rexistraron hoxe máis de 28.000 apoios á ILP “Sentido Común” de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

Previamente mantiveron un encontro co Presidente da cámara galega Miguel Santalices para presentarlle o contido da proposta que se debaterá nas próximas semanas no

Parlamento para a súa toma en consideración. Se o voto é favorábel comezará o proceso de transformación en Lei.

Os representantes da Mesa aproveitaron o encontro co Presidente do Parlamento para lle transmitir o agradecemento ao persoal da cámara pola axuda recibida desde que a iniciativa fora rexistrada no mes de febreiro.

Marcos Maceira e Celia Armas valoraron positivamente a campaña desenvolvida que se fixaba inicialmente as 10.000 sinaturas que marca a lei de ILP. Estes miles de apoios que case triplican o obxectivo, son mais necesarios que nunca para pór e evidencia e mudar as actitudes hostís que se manifestan no ámbito económico, desde corporacións que se negan a empregar a toponimia oficial a quen prohibe o uso do galego para facilitar a deslocalización ou utiliza un hipotético descoñecemento do galego para negar atención ou mesmo dilatar procesos xudiciais.

Miles de persoas viron na proposta da Mesa a resposta ás carencias que aínda ten o noso idioma a pesar dos 34 anos que pasaron da Lei de Normalización lingüística. Son 28.000 NONS a 34 anos de incumprimentos de todo tipo dos acordos parlamentares a favor do galego mais sobre todo 28.000 SIS ao dereito á liberdade de empregarmos o galego sempre e en todo lugar. Un dereito que galegas e galegos aínda non conquistamos é que no ámbito socioeconómico supón non termos liberdade para sermos atendidos, entendidos, informados, para contratarmos e utilizarmos o galego, simplemente por non existir opción. O desprezo por Galiza e polo galego é unha forma de racismo que non pode ser legal nunha sociedade democrática.

Esta ILP quere acabar coa frase famosa que tantos e tantas escoitamos en tantas ocasións: o me habla castellano o no le atiendo, mais tamén sinalaron quere pór fin ás limitacións para o uso do galego para o empresariado que quere transmitir cualidade, proximidade, empatía cos e coas consumidoras mais só atopan obstáculos.

Non pode ser que no ano 2017 a lingua galega sexa a única lingua do Estado que non conta cunha lexislación semellante para protexer quen usa o galego. No caso vasco os dereitos que contempla a ILP están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias e no catalán no Código de Consumo de Cataluña  mais como sempre aconteceu en relación a o noso idioma é o enorme impulso popular quen vai conseguir unha mudanza práctica, real, para a nosa lingua, que debe comezar coa toma en consideración, continuar coa aprobación da lei correspondente e finalmente coa súa aplicación práctica e medíbel.

A Mesa mantivo contactos para a presentación da proposta con e onte pola mañá reuniuse con Antón Arias presidente da Confederación de Empresarios de Galiza.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra