O presidente da entidade que promove o galego, Marcos Maceira, mantivo xuntanzas con todos os actores implicados para procurar a aprobación da ILP Sentido Común
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira, mantivo esta semana unha intensa xeira de contactos con diversos colectivos e responsábeis institucionais para procurar o apoio para a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que promove a Mesa e pretende impulsar un desenvolvemento legal que fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais e empresariais.
Con esta iniciativa lexislativa preténdese garantir en todos os casos o dereito á atención e a recibir e usar o galego en calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou escrita, calquera que sexa o formato, así como contratos e formularios. Contempla ademais o respecto pola toponimia galega, única e oficial e a necesidade de as administración públicas daren exemplo na contratación de servizos, garantindo a capacidade de atender e entender en galego e primando na contratación quen respecta a nosa lingua.
Neste sentido o presidente da MESA mantivo xuntanzas con todos os grupos parlamentares do Parlamento de Galiza, co secretario xeral de política lingüística (SXPL), presidente da Federación de Municipios e Provincias (FEGAMP), coa directora xeral de comercio e consumo e co presidente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta primeira rolda de contactos todos os interlocutores transmitiron a súa receptividade ante a proposta de lei e déronlle os seus parabéns á MESA pola intensa campaña desenvolvida ao longo do territorio galego e por acadar máis de 25.000 apoios.
Segundo indicou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, o obxectivo último é pór fin as discriminacións por razón de lingua que centos de persoas padecen en Galiza cada día e ás que se lles nega atención, mesmo en servizos que están a pagar, polo simples feito de utilizar a lingua propia de Galiza. En declaracións aos medios Maceira aseverou “é evidente a existencia dun clamor popular para expresármonos en galego ámbito sen atrancos e impedimentos en calquera por iso agardamos que esta ILP sexa tida en consideración”.
Nunha segunda rolda de contactos que comezará para a vindeira semana, Maceira reunirase, o mércores pola mañá, co presidente da Confederación de Empresarios de Galiza para lle informar do contido da proposta lexislativa e solicitar o apoio do tecido económico. Ese mesmo día reunirase fará entrega das máis de 25.000 sinaturas acadadas no Parlamento de Galiza.