17 de maio Noticias Queremos Galego

Intervención do Presidente da Mesa e Portavoz de Queremos Galego na multitudinaria manifestación do 8 de febreiro

Reproducimos a seguir a intervención de Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e portavoz da plataforma cidadá Queremos Galego, no acto final da multitudinaria manifestación que encheu as rúas de Santiago de Compostela.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Moi bo día a todas e a todos.

Antes de máis, da plataforma Queremos Galego agradecemos o traballo de centos de voluntarias e voluntarios que estes días organizaron actos, colaron cartaces, distribuíron voandeiras, pasaron megafonía, reservaron autobuses, ou forman parte do servizo de orde desta manifestación.

Elas e eles, as miles de persoas que estamos aquí demostramos que o galego ten futuro, que somos moitas e moitos moitos os que estamos dispostos a facer o posíbel e o imposíbel para falalo e repolo en todos os espazos onde é desprezado, desprazado e eliminado, e a devolverlle a condición de lingua de todo e para todo.

A garantía de futuro do galego está na inmensa forza de vontade que ateiga esta praza! Nas ganas de sermos galegos e vivirmos e existirmos con dignidade!

Está tamén nos centos de nenas e nenos, rapazas e rapaces aquí presentes como Uxía, Isaac, Nicolau, Irea, Sabela, Brais e Celtia que leron o manifesto que nos convocou e abriron a manifestación cunha faixa co lema POR NÓS. Porque por nós, por eles e elas, polas fillas dos nosos fillos, polo presente e polo noso futuro, o de Galiza, o do galego, é que estamos aquí.

Por nenos e nenas como Fiz, Artai, Erea, Cira, Marcelo, Cilia, Maruxa, Xiana, Sara, Manuel ou Mariña que percibirán a desigualdade e dubidarán, mais que tamén se reporán e que cada vez que o fagan, coa forza dos feitos, negarán aos agoireiros que predicían a desaparición do galego. Todas elas, todos eles, na longa vida que teñen por diante, seguirán a demostrar a utilidade do galego dándolle vida e saúde.

Vida e saúde como a que lle dades todas as persoas que facendo uso dela atravesastes Galiza e enchedes de amor esta praza da Quintana.

A pesar do odio á lingua do goberno de Feixó e do Partido Popular, a pesar dos limites ao galego que impuxo co decretazo, a pesar dos prexuízos que volveu sementar por terra, mar e ar, a pesar de todos os paus nas rodas, hai miles de pais e nais que se preocupan todos os días de usaren o noso idioma co orgullo de saberen que é o mellor legado que poden deixar ás súas fillas e fillos, o do amor polo que son: galegos e galegas.

Pais e nais son as culpábeis da situación do galego. Dio o presidente da Xunta, e ten razón. Culpábeis de que o galego, aínda en precario, viva. Culpábeis de transmitiren o idioma aínda que nin os xoguetes, nin os debuxos animados de calquera televisión, agás unha, falen galego. Culpábeis de insistiren teimudamente con lo del gallego, aínda que as escolas non teñan material na nosa lingua e o galego só se aproxime á metade do horario no 2,4% das escolas infantís das 7 cidades. Culpábeis de actuaren a favor do galego, falándoo, nun ambiente onde o español é omnipresente.

Porén, quen non ten ningunha responsabilidade, o irresponsábel, é Feixó, que decidiu que era mellor utilizar o diñeiro público en queimar libros de texto en galego que en dobraxe, axudas á tradución en galego, ou programas informáticos para que haxa xustiza na nosa lingua. O irresponsábel que decidiu que era mellor gastar 300 mil Euros en Enrique Iglesias que en termos acceso a lexendas en galego dos principais filmes e series de TV, como si fixo o goberno vasco para o eúscaro cun acordo con Canal +. Feixó non ten responsabilidade, por iso impuxo un decretazo que reduce drasticamente a presenza do galego e o prohibe en materias como matemáticas, física e química ou tecnoloxía, contra a opinión unánime de pais e nais, profesorado e estudantado, ou despediu sen escrúpulos todo o profesorado que impartía os cursos CELGA.

O presidente da Xunta lava as mans mentres xoga a dividir o pobo galego actuando contra a lingua que nos une e nos dá vida cando máis falta nos fai.

Non é nada novo. É a cara máis agresiva dos que lle puxeron ao idioma o cadeado dunha oficialidade precaria e subordinada que se pode resumir no dereito a empregalo mentres non se exerza con todas as consecuencias, ou en aprobar unha Lei ou un Plan como o de Normalización da Lingua Galega, sempre coa condición de que non se aplique.

O seu odio ao galego, o seu profundo desprezo por Galiza, fai que lles moleste moito que queiramos exercer o dereito de o usarmos sempre, en todo lugar e en toda situación, sen pedirmos permiso, sen térmonos que xustificar, con toda a normalidade de falar na lingua do país onde vivimos.

Onde está oficialidade do galego? Onde está o dereito a empregarmos o noso idioma coa administración pública, se o funcionariado, grazas a Feixó, non precisa demostrar unha capacidade mínima de se expresar en galego? É oficial unha lingua na que non existen impresos en ningunha administración dependente do Estado? Ou cando hai empresas que se negan a nos atender en galego? Ou cando non podemos acceder nin pagando a produtos audiovisuais na nosa lingua?

Hai uns días un responsábel da Xunta dicía cinicamente que estaban desconcertados cos datos do IGE. Literalmente faltábanlles falantes de galego. De que se sorprenden, co que non fixeron en 30 anos, e co que desfixeron en 6? Que acontece, ademais de perxurio, cando é o propio goberno que xurou defender e promover a lingua galega quen reverdece os prexuízos seculares sobre nós, sobre a nosa lingua?

Pois acontece que os datos do último estudo do IGE sobre uso do galego mostran a tendencia de sempre.

Desde o máis absoluto cinismo e falta de vergoña, aínda din que o galego non é propiedade de ninguén, que ninguén se debe apropiar del, que hai que excluílo do debate político.

Incumprido absolutamente o acordado por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, esa é a vella receita que se lles ocorre para nós e a nosa lingua: expropiación e exclusión, para que nunca máis digamos que é a nosa lingua propia e para expulsar o idioma tamén do debate público.

E aínda se atreve o presidente Feixó a botar a culpa aos que falamos galego e levamos a cabeza ben alta, e aos que tendo intención de falalo só reciben desánimo e desmotivación.

Pois non. Non renunciamos á nosa lingua, nin a ser o que somos, galegos e galegas orgullosas de nós, que estamos no século XXI dispostos e dispostas a que as nosas fillas e fillos sexan as nais e pais, avós e avoas da Galiza do século XXII.

Queremos Galego na política para que se aplique o acordado a favor del, querémolo na rúa, vivo en todas as reivindicacións sociais, querémolo na xustiza, nas casas, nas tendas e nos xornais. Non o queremos fóra de nada!

Non queremos unha lingua a tempo parcial, señor Feixó, a nosa é unha lingua enteira. Tan lingua como o español, aínda que sen as 500 disposicións legais que o amparan.

Queremos galego porque é o idioma propio do pobo galego, o único propio, a nosa maior creación colectiva e a nosa maior necesidade para termos futuro, e por iso reclamamos a súa plena reposición, restauración e normalización, e todos os acordos que fagan falta, mais para se cumpriren. Porque a lingua non é ningún accesorio prescindíbel, nin un adorno para rituais máis ou menos exóticos ou folklóricos.

Falamos galego porque si e porque nos peta e nos dá a gana, que dicía Celso Emilio. Queremos falalo e que as nosas fillas e os seus fillos o falen. Sabemos que é posíbel reverter o proceso de substitución do galego, e é posíbel porque cada vez somos máis as persoas conscientes da necesidade vital para Galiza de o facer.

Estamos aquí miles de persoas de todos os recunchos do país berrando ben alto Queremos Galego!, porque queremos unha Galiza que crea en si mesma, para desenvolverse plenamente no plano económico, social, educativo, cultural, sen subordinacións nin renuncias. Quen non respecta o noso idioma, desprézanos como pobo.

A lingua galega existe, e nela se produce todo o que di quen somos verdadeiramente, sen filtros, desde nós mesmos. Temos bo cinema (A Esmorga demostrouno!), boa literatura, bo teatro, boa música,… capaz de competir con calquera aínda que o noso estea en inferioridade de condicións. Nela, na nosa lingua, a pesar de todo e coa espada de Damocles do Decretazo, traballan miles de profesores e profesoras, e centos de empresas que con todos os impedimentos e ningunha colaboración institucional comercializan os seus produtos co galego como marca de calidade e respecto polo que fan e pola súa clientela.

Queremos galego porque o galego une, e hoxe estámolo demostrando. Aquí hai faixas e bandeiras diferentes que mostran a pluralidade do pobo galego, centos de siglas, de cores, de opcións políticas, de asociacións e colectivos diversos, que non dubidan en marcharen xuntas na defensa da lingua común das galegas e galegos, sexa cal for a súa ideoloxía, procedencia, traballo ou condición. Quen queira o noso idioma e non estea aquí, que veña, aquí non sobra ninguén!

Queremos galego porque queremos unha Galiza feita desde nós, para nós, sen filtros, sen distorsións, sen deturpacións, sen ocultacións, tamén nos medios de comunicación e por iso toda a nosa forza para a Asociación de Medios en Galego e iniciativas como Herdo Novo.

Todos os avances para a nosa lingua foron conquistas da sociedade galega, todos favoreceron outros avances sociais. Mentres haxa xente vivindo e traballando conscientemente en galego, disposta a actuar e a se mobilizar pola lingua as veces que fixer falta, a reclamar o seu lugar lexítimo, a comunicarse nela con normalidade coas súas compatriotas, a transmitila aos seus fillos e fillas, Galiza, o galego terán futuro.

A loita polo galego non remata aquí. Cómpre actuar todos os días, para facermos nós con perseverancia e esforzo o que o goberno galego se nega a facer. Coa Mesa pola Normalización Lingüística que precisa máis mans, todas as mans para alargar a causa do galego, para parabenizar quen nos quere, mais tamén para denunciar e facer recuar todas as agresións, indiferenzas, maos tratos que recibimos por querermos galego. Mobilizarse colectivamente, todos os días, con todas as entidades aquí presentes que defenden a lingua día a día traballando nela: sindicais, políticas, culturais, deportivas, veciñais… as máis de 600 que conforman a plataforma Queremos Galego.

Temos que facelo, por nós mais especialmente polas fillas dos nosos fillos, porque temos e teñen dereito a un futuro digno. Queremos galego! Viva Galiza, viva a lingua galega!

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis