Investigados por defender un cidadán sancionado tras solicitar atención en galego

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, e a tiktoker Sara Seco, están a ser investigados polo Xulgado de Padrón após denuncia por inxurias presentada pola Policía Local de Rianxo

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024.- O xulgado de Padrón investiga o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e mais a tiktoker Sara Seco, despois da denuncia por inxurias presentada pola Policía Local de Rianxo trala difusión da sentenza xudicial que non consideraba probada a “alteración grave da seguranza cidadá” e rebaixaba a sanción imposta a un cidadán desta localidade, por solicitar atención en galego no seu centro de saúde.

Aínda sen teren máis detalles que a notificación do xulgado, as persoas investigadas din sentirse “moi tranquilas” e aseguran que todas as declaracións públicas e privadas que realizaron sobre a policía rianxeira e a súa actitude están basedas na literalidade da denuncia policial, que indica que o cidadán se molestou “só por dicirlle que o persoal sanitario non tiña obriga de falarlle en galego” e recolle expresamente que a empregada do centro de saúde recoñecera que se negara a atender o cidadán en galego.

– Extracto da denuncia, do que se infire que a Policía Local de Rianxo omitiu informar verazmente un cidadán sobre o deber legal do empregado público de “garantir a atención aos cidadáns na lingua oficial” da súa escolla (artigo 74, apartado s) da Lei 2/2015 de 29 de abril, do emprego público de Galiza. Artigo 54, apartado 11, da Lei Básica do Funcionario Público.

Neste sentido, Marcos Maceira e Sara Seco esperan que a investigación aberta no xulgado de Padrón sirva para aclarar por qué a Policía de Rianxo informou este cidadán de que non tiña dereito a solicitar atención nen a ser atendido en galego. Ambos os dous recalcan que “non só non é certo que o funcionariado público non teña que atender en galego a quen o solicitar, senón que a lexislación o considera falta grave”.

Para A Mesa, resulta intolerábel que calquera forza pública, incluída a policía de Rianxo, descoñeza ou obvie a lexislación en materia de dereitos lingüísticos e, en consecuencia, non preste información veraz aos cidadáns. E é alarmante que o Ministerio do Interior, a Consellaría de Presidencia da Xunta e a Delegación do Goberno consintan isto e non fagan nada ao respecto, dado que estamos ante a conculcación de dereitos fundamentais.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra