Máis de 30 representantes de entidades públicas e socias galega fixeron pública esta mañá unha carta aberta na que lles piden aos Estados membros que voten “si” ao recoñecemento da lingua galega como oficial da Unión Europea, salientando que “o galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo”. O debate terá lugar o 15 de novembro no Consello de Asuntos Xerais da Unión Europea.
A carta, que se pode consultar e apoiar na web da Mesa pola Normalización Lingüística, está asinada polas alcaldesas de Lugo, Lara Méndez López; A Coruña, Inés Rey García; e Santiago, Goretti Sanmartín Rei; e mais polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. Tamén asinan o escrito os reitores das tres universidades: Antonio López Díaz (USC), Julio Abalde Alonso (UDC) e Manuel Joaquín Reigosa Roger (UVigo); o presidente da Real Academia Galega, Vítor Freixanes; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca; o presidente da da Deputación da Coruña e secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; e os portavoces parlamentarios do BNG, Ana Belén Pontón Mondelo, e mais do PSdG, Luis Manuel Álvarez Martínez.
Os secretarios xerais dos principais sindicatos con presenza no noso país -Paulo Carril Vázquez (CIG), Amelia Pérez Álvarez (CCOO) e José Antonio Gómez Gómez (UXT)- e mais das principais entidades do rural galego -Isabel Vilalba (SLG), Roberto García Fernández (Unións Agrarias), Xurxo Álvarez (Federación Rural Galega), Higinio Mougán (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Roi Cuba Dorado (ADEGA)- súmanse, tamén, a unha carta que recorda que “a oficialidade do galego en Galiza, recoñecida en 1981, non será plena se non atinxe a todos os ámbitos da nosa vida social, económica e cultural, hoxe condicionada en moitos aspectos pola nosa pertenza a unha Unión Europea que aínda non recoñece plenamente a nosa lingua”.
Tamén o sector da cultura e da educación, representando por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Arantza Vilar, presidenta da Asociación de actores e actrices de Galicia; Xosé Manuel Carril Vázquez, presidente de Galiza Cultura; María Xosé Bravo, presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda; María Antonia Pérez Rodríguez, presidenta da Asociación Cultural O Galo; Isabel Calvete, presidenta da Confederación de ANPAS GALEGAS; María Pérez González. Presidenta da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao”; Iria Taibo, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación; e Anxo Louzao Rodríguez, portavoz de Vía Galega asinan o documento, que salienta que “o idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas todas as xeracións actuais na cultura, na educación, no progreso social, económico e político”.
“Para afrontar o futuro en todos os ámbitos precisamos o apoio e protección que as regulacións europeas dan ás linguas oficiais da Unión”, afirma o documento, que tamén asinan Manuel Vázquez Cabo, presidente da Rede Galega de Empresas; Anxos Sobriño, presidenta da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización da Lingua; Celia Armas, directora de Abertos ao Galego; Elsa Quintas Alborés, directora do Observatorio Dereitos Lingüísticos; e Marcos Maceira Eiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.