Marcos Maceira estivo presente no Correlingua de Santiago de Compostela

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, estivo presente no Correlingua de Santiago de Compostela, que se celebrou esta segunda feira (luns) 6 de maio na praza da Quintana, coa participación de rapazada de Infantil, Primaria e Secundaria dos concellos de Boqueixón, Ordes, Ames, Santiago de Compostela, Teo, Ribeira, Vedra, Negreira, Val do Dubra, Arzúa, Rois e Vimianzo.En total, 1.600 asistentes entre alumnado e profesorado percorreron as rúas de Compostela, como é habitual, con saída ás 11 da praza da Quintana e retorno ao mesmo punto unha hora despois.

O Correlingua, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega e pola CIG-Ensino cumpre este ano o seu 19º aniversario. Moi participativo e cun ambiente moi festivo. Así se viviu a marcha pola normalización do noso idioma en Compostela, que serviu un ano máis para poñer sobre a mesa a necesidade dun plan efectivo que permita normalizar o noso idioma no ensino e noutras esferas da infancia e a mocidade. Con continuas alusións ao Decreto de plurilingüismo, que probibe impartir as materias científicas no noso idioma, e outras reclamacións máis xenéricas como a necesidade de incrementar a programación infantil e xuvenil e os recursos audiovisuais en galego, a marcha rematou ás 12 do mediodía na Praza da Quintana para dar paso a un fin de festa conducido pola actriz Isabel Risco e no que interviron o secretario comarcal da CIG-Ensino, Rubén F. Monteagudo, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

No acto tivo lugar a entrega de premios ás mellores pancartas que recaeron por esta orde no IES Leliadoura de Ribeira, o CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón e o CEP Plurilingüe de Ventín (Ames), que obtivo o primeiro premio cun nutrido grupo de alumnado participante.

A festa rematou coa actuación da cantautora cambadesa Pauliña, que foi a gañadora este ano do concurso Cantalingua, e que animou os presentes a falar galego “sen complexos”, a espallalo polas redes sociais e a vivir o día a día nunha lingua “que é unha riqueza inmensa que temos”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra