Marcos Maceira: “o presidente non aclarou ao Parlamento se está disposto a cambiar de rumbo, polo futuro do galego”

O presidente da Mesa e voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, Marcos Maceira, denunciou esta mañá, despois da intervención de Alfonso Rueda no Parlamento galego, que o presidente da Xunta non “fixo propósito de emenda” nin “aclarou se está disposto a cambiar de rumbo, polo futuro do galego”, despois dos preocupantes datos publicados polo IGE.

“Necesitamos que o máximo responsable do goberno galego aclare se vai manter o ensino como ferramenta para o descoñecemento de galego”, insistiu Maceira, “se vai permitir que se manteña a exclusión de galego nos servizos” ou se, pola contra, “está disposto a mudar de rumo”.

O presidente da Mesa recordou que “quen queira usar o galego”, debe saber que “conta co amparo das leis e das institucións, a través do Plan Xeral de Normalización Lingüística”. E fixo fincapé en que corresponde á Xunta de Galicia facelo cumprir, asegurando o ensino en galego; que a nosa lingua estea presente na administración, na xustiza e na saúde, con coñecemento e oferta positiva; que poidamos empregala tamén nos servizos comerciais, con información oral e escrita, atención e publicidade en galego; e asegurando, tamén, que exista oferta en galego na televisión e plataformas.

“A sociedade galega quere o seu idioma”, afirmou Maceira, e “mostrarao de novo o 17N cun gran acto aberto a todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua que terá lugar en Compostela, baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego”. “A situación é extrema”, lamentou, “a Xunta non pode seguir impasíbel”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra