Menos puntuación por usar Galiza

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de denunciar un caso de inxustiza lingüística sufrido por unha nena de 4º de primaria no  CEIP Santa Irene de Porto do Son

A nai da rapaza afectada contactou coa Mesa, a través da Liña do Galego, para consultar se podían quitarlle puntuación nun exame de Ciencias Sociais á súa filla polo uso da forma Galiza.  Os pais presentaron unha reclamación na que explicaban e xustificaban que non se lle podía contabilizar como falta de ortografía o termo Galiza.

Segundo as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego aprobadas polo plenario da Real Academia Galega en 2003: “Galiza tamén é unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada da época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo”.

Alén disto, o termo Galiza é lexítimo e correcto polo que non se pode cualificar de falta de ortografía.

A dirección do centro nun escrito do 6 de xuño reafirmouse na súa postura no que conta co aval da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Desde a Mesa pola Normalización Lingüística censuramos a actitude sectaria do profesor, da directora e da Secretaría Xeral de Política Lingüística que en lugar de velar polos dereitos lingüísticos dedícanse a perseguir a unha nena por empregar Galiza, que posúe unha terminación máis propia do noso idioma.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, reclamoulle á Xunta de Galiza que cumpra “coa súa obriga de garantir os dereitos lingüísticos” e lembrou que a Mesa recibe moitas queixas por vulneración de dereitos lingüísticos no ensino.

O caso de restar puntuación nun exame polo emprego da forma Galiza non é un caso illado, por iso animamos a denunciar a través da Liña do Galego da Mesa todos os casos de discriminación lingüística. É intolerábel que en 2017 os nenos e nenas teñan que aturar este tipo de actitudes por parte do profesorado. Esta é unha das consecuencias da aplicación do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo que hai que derrogar sen demora.

A Mesa exíxelle á Xunta que vele para que os nenos e nenas non sexan discriminados por usar o galego nin por empregar a forma lexítima Galiza. Marcos Maceira, cualificou o trato dado á nena por parte do profesor de “indignante e antipedagóxico”.

Desde a Mesa pola Normalización Lingüística dirixímonos á valedora do Pobo, ao conselleiro de Educación e ao secretario xeral de Política Lingüística para que adopten medidas para que estas situacións non se volten a producir. As administracións competentes teñen que sancionar este tipo de discriminacións inconcebíbeis.

 

 

 

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra