Noticias Noticias da Mesa

A Mesa e a AGAL lanzan a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta” polos días tradicionais

A Mesa pola Normalización Lingüística / PGL / A Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, desenvolverán, ao longo do ano 2018, unha campaña para promover os días da semana tradicionais: domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado.

Lanzamento

A campaña será presentada nunha conferencia de imprensa na segunda feira 19 de febreiro (10:30h no café compostelán Airas Nunes) e só seis días despois, no domingo 25 de febreiro ás 12h, realizarase un evento conxunto de apoio aos días da semana tradicionais na localidade de Padrón (na polbeira A Feira), con petiscos, música, poesía e intervencións de coñecidos e coñecidas intelectuais galegas.

Videoclip da campaña

A campaña irá especialmente dirixida ás crianzas, por un lado, e a medios informativos dixitais, por outro. Así, por un lado conta co apoio audiovisual da banda de música infantil Mamá Cabra, que compuxo a canción “Na segunda feira” co obxectivo de facilitar ás crianzas a aprendizaxe dos días da semana entre outros tesouros de que andan á procura. En canto ao material gráfico, editaranse chapas, manteis de mesa infantís e un calendario (ver anexo) que xa está a ser distribuído polos organismos promotores da campaña.

Implicación de medios informativos

Por outro lado, pedirán a medios de comunicación e outras plataformas dixitais para usaren estas formas de modo total ou parcial. A partir do día 19, será distribuído un bánner que informa do día do mes e da semana en que estamos. Premendo nel, seremos encamiñados para unha páxina web onde se ofrecerá información lingüística e histórica sobre os días da semana na mesma normativa ortográfica que normalmente usa o sitio web en que o bánner sexa inserido. A información contida nesta páxina web contará cunha unidade didáctica para ser explorada no ensino primario.

Os días da semana tradicionais

Algunhas denominacións dos días da semana tradicionais resistiron como maioritarias até ben entrado o século XX, mais foron caendo no esquecemento cando na escola se comezaron a promover outras formas que, aínda que tamén fosen xenuínas nunha zona máis pequena do noso territorio oriental, en xeral eran produto da adaptación fonética dos días casteláns: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado e domingo.

Aproveitando o feito de aínda estaren vivas as formas tradicionais da maior parte do territorio (aínda que só en persoas moi vellas), e de estaren admitidas pola norma oficial do galego, os colectivos promotores afirman querer darlles un impulso e evitar a súa desaparición.

Segundo A Mesa e a AGAL, para as persoas preocupadas polo galego “é fundamental que saiban que temos forza para recuperar as nosas palabras aínda que sexa no límite da desmemoria. No caso concreto dos días da semana, a súa revitalización sería moi motivadora, porque afecta unha serie de palabras usadas diariamente por calquera persoa”.

Mais aínda hai máis motivos:

  1.  É un sistema lexical moi emblemático dos países lusófonos, despertando o noso orgullo pola pertenza a este tronco lingüístico e pola capacidade comunicativa do galego no mundo.
  2. É un sistema lexical moi relevante na nosa historia lingüística e política, pois o seu nacemento está intimamente vinculado ao Reino da Galiza (Galliciense Regnum) dos séculos V e VI.
  3. É un sistema único do galego-portugués entre todas as linguas do mundo.

Descarga PDF: Calendario “Nós feiramos de 2ª a 6ª”

Descarga imaxe: Calendario “Nós feiramos de 2ª a 6ª”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis