A Coruña, 25 de setembro de 2017. O proxecto Tosta de cooperación entre comunidades de linguas minorizadas chega este martes á pantalla do Teatro Colón, coincidindo coa conmemoración do Día Europeo das Linguas, a través dun documental que narra a experiencia de encontro pola diversidade que xuntou culturas da costa atlántica europea. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e a delegada na Coruña Celia Armas, xunto coa vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, presentaron a iniciativa.
A Mesa pola Normalización Lingüística é a representación galega no proxecto Tosta, promovido dentro da programación de Donostia 2016, Capital Europea da Cultura. Un ano despois, a experiencia chega á pantalla do Teatro Colón por medio dun documental que se proxectará o día 26, Día Europeo das Linguas, ás 20:00 horas ademais da presentación do libro Unha guía imperfecta que ofrece unha proposta práctica para axentes culturais que traballan en proxectos internacionais e queren promover prácticas de xestión respectuosas coas linguas minorizadas.
Tosta reivindica a diversidade lingüística desde o punto de vista das linguas minorizadas. O proxecto, que puxo en valor a diversidade coa participación de e sete países con linguas minorizadas.
As linguas minorizadas, protagonistas
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destacou o éxito do proxecto Tosta á hora de mostrar “os problemas e a proximidade que teñen todas estas linguas en situación de minorización”. En canto ao libro que agora se presenta, Maceira fixo fincapé en que é o “resultado práctico do que se viu no desenvolvemento dunha iniciativa en que as linguas que estaban minorizadas tiveron o protagonismo”. Lembrou o deseño do proxecto a través de contedores aos que se lle foi sumando a carga cultural en cada un dos portos dos distintos países para formar parte do barco Tosta 2016 que navegaba cun rumbo común.
O proxecto, segundo anunciou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, terá continuidade o vindeiro con motivo da conmemoración da Capital Europea da Cultura en Leeuwarden, Frisia, “en que estará de novo presente a lingua galega que é a mellor maneira de dar a coñecer a nosa música, paisaxe ou literatura”.
Desde A Mesa convidamos a asistir á proxección do documental no Teatro Colón co “fío condutor da viaxe polo occidente atlántico europeo coa participación de artistas como as galegas Belén Taxes ou Mónica de Nut, que formou parte da Banda Tosta, de encontro entre distintas linguas”.
A preguntas sobre a situación do galego a respecto doutras linguas minorizadas que participaron en Tosta, Marcos Maceira apuntou que “se nos comparamos co córnico estamos mellor porque estaba practicamente desaparecido mais hoxe conseguiu ter falantes, é dicir, sumar, fronte a nós que estamos a ver como diminúen. En comparanza co bretón, estamos en mellor situación ao ter lexislación na materia. Mais o galego éa única lingua do Estado que non ten dereitos básicos elementais para utilízalo no ámbito do consumo, que si teñen catalán e éuscaro”.
O documentario e a presentación do libro terán lugar o martes, día 26, ás 20:00 no Teatro Colón con entrada libre.