A Mesa considera inexplicábel a oposición do PP á ILP que buscaba garantir a igualdade e liberdade plena de uso do galego

O peche da Xunta a calquera proposta para o avance do galego demostra que non teñen ningún interese en cumprir a cativa lexislación que ampara o galego

que só 0,6% dos xoguetes ten opción de galego demostra a absoluta desigualdade”

Reivindicamos o dereitoa que as crianzas teñan xogos e xoguetes na súa lingua”

A Mesa pola Normalización Lingüística valorou hoxe o debate de toma en consideración da ILP de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico que tivo lugar no Parlamento galego o pasado 19 de decembro, e que contaba co aval de 28.000 asinantes. A Mesa aproveitou a ocasión para presentar os datos dun estudo onde sobre unha mostra de máis de 24.000 produtos só o 0,6% manteñen opción en galego.

Valoración da campaña

En relación á campaña desenvolvida de recollida de apoios á ILP  por toda Galiza, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, valorou moi positivamente o traballo desenvolvido. “Iniciamos contacto e diálogo con moitos sectores para avanzarmos na normalidade plena para o galego, no dereito de uso sempre e en todo lugar: asociacións de consumidores, comités de empresa, colectivos empresariais locais, e nacionais, e diferentes sectores empresarias”, indicou.

Maceira resaltou que ese traballo permitirá que comezar o 2018 “estabelecendo elementos de colaboración para construírmos recursos que permitan a galeguización de quen quixer facelo”.  “Non imos ficar de brazos cruzados, mentres a Xunta que ten obrigas legais e éticas se abstén ou actúa en contra delas”. Neste sentido, avanzou, A Mesa ten previsto continuar con todos estes encontros para presentar nos primeiros meses do ano acción sociais contundentes.

A Xunta de Galiza escúdase na suposta vontade do empresariado para fuxir das obrigas de promocionar e defender a lingua propia de Galiza, así como as persoas que desexan vivir libre e plenamente en galego pero atopan impedimentos acotío.

PP rexeitou unha proposta que comezou a súa andaina co apoio de 125 persoas representativas de diferentes ámbitos, mais que finalizou con máis de 28.000 asinantes. Tamén contou co apoio de asociacións de comerciantes, persoas usuarias e consumidoras, sindicais e de persoal do sector da teleatención.

Diálogo e acordos

A Mesa denunciou o bloqueo dun sector do Partido Popular a calquera diálogo e acordo, comezando polos que xa hai: a Lei de Normalización Lingüística e o esquecido Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004. Neste sentido, o presidente da entidade cultural máis ampla de Galiza denunciou a falta de resposta a unha solicitude de reunión remitida ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixó, hai xa tres anos.

Como resultado de todo isto “é incomprensíbel que en 2017 o galego sexa a lingua oficial menos amparada polos poderes públicos e lexislación. Somos menos os galegos e galegas? É menos a nosa lingua?” preguntouse.

Situación dos xogos e xoguetes en galego

Para reflectir con datos obxectivos a situación na que se atopa a lingua galega, a Mesa presentou hoxe un informe sobre a situación do galego nun ámbito prioritario, o da infancia, concretamente analizando a dispoñibilidade de xoguetes en galego. Maceira, acompañado da autora do informe Sonia Calo, denunciou a precaria situación da lingua galega nestes produtos, pois unicamente o 0,6% dos xoguetes teñen opción de galego, porcentaxe que cae até o 0,38% que só están en galego do total de 24.700 produtos analizados.

Para a Mesa esta é unha proba palpábel da falsa liberdade de escolla pois, na práctica, non existe opción de poder vivir en galego nin tan sequera se pode mercarlle un xoguete en galego a unha crianza. “Cómpre un goberno comprometido coa lingua que apoie os fabricantes que apostan por facer xogos e xoguetes en galego, mais mentres isto non ocorre é a sociedade a que debe impulsar os avances” explicou o presidente da entidade normalizadora.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra