Maceira apela a non ficar atrás e ao sentido común para aprobar medidas que xa existen para o eúscaro, o catalán e o castelán
A iniciativa lexislativa popular (ILP) de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico defenderase o vindeiro martes 19 de decembro no Parlamento de Galiza.
A iniciativa que promove a Mesa chega avalada por máis de 28.000 sinaturas, estes miles de apoios case triplican o mínimo exixido. Ademais contaron con ducias de empresarios/as e persoas representativas do ámbito económico, cultural, político e social que avalaron e apoiaron esta iniciativa de lei. Con ela preténdese garantir que as persoas consumidoras e usuarias teñan o dereito a ser atendida e entendidas en galego se así o solicitaren.
A iniciativa xorde polo elevado número de queixas que rexistra anualmente a Liña do Galego, servizo gratuíto da Mesa para rexistrar queixas e parabéns relacionadas co idioma. “Detectamos unha vulneración sistemática de dereitos lingüísticos no ámbito económico, polo que decidimos facer unha proposta de lei que amplíe os dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes e poidan ter unha ferramenta que evite a súa indefensión” explica Marcos Maceira, presidente da Mesa.
Para pór fin ás vulneracións de dereitos lingüísticos lánzase esta ILP con catro artigos: o primeiro recolle o dereito das persoas consumidoras e usuarias a recibiren en galego toda a información, documentación e contratos sobre produtos e servizos, así como a seren entendidas e atendidas no idioma de Galiza polas empresas que lles prestan servizos ou subministran bens; o segundo artigo, vai dirixido a empresas que prestan servizos ás administracións públicas de Galiza, para que inclúan o galego na atención ao público; o terceiro artigo refírese á opción de facer unha valoración adicional de todas aquelas entidades que promovan a normalización da lingua e que preguen a contratación de servizos da administracións pública galega; por último, o cuarto artigo encoméndalle ao Goberno galego que desenvolva unha campaña de concienciación e información sobre dereitos lingüísticos nos medios de comunicación, con especial atención nos de titularidade pública.
Finalmente desde a Mesa indícase que “non pode ser que no ano 2017 a lingua galega sexa a única lingua do Estado que non conta cunha lexislación semellante para protexer quen usa o galego.
Para Maceira “non pedimos nada que non estea aprobado xa para o eúskaro, catalán ou castelán”. No caso vasco os dereitos que contempla a ILP están recollidos no Estatuto das Persoas Consumidoras e Usuarias e no catalán no Código de Consumo de Cataluña
Para a entidade en defensa e promoción da lingua galega, argumentan que, como sempre aconteceu en relación a o noso idioma, é o enorme impulso popular quen vai conseguir unha mudanza práctica, real, para a nosa lingua, que debe comezar coa toma en consideración e agardamos que poida continuar coa aprobación da lei correspondente para finalmente poidamos contar cunha lei que garanta os dereitos de maneira práctica e medíbel.