Marcos Maceira: “Cómpre que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e dotar con recursos a planificación lingüística, con actuacións transversais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza”
A Mesa pola Normalización Lingüística realizou para a Deputación de Pontevedra unha auditoría lingüística nos que se examina a dispoñibilidade de galego en 61 concellos. O traballo realizado entre os meses de febreiro e maio de 2017, examina o grado cumprimento das garantías lingüísticas nos concellos a través de cuestións básicas como os idiomas dispoñíbeis nas páxinas webs, nas redes sociais, nos teléfonos de atención cidadá, a dispoñibilidade de servizos e/ou persoal técnico de normalización, o uso do galego nas actas dos plenos, bandos e impresos de trámites, na banca electrónica ou no apartado de turismo. As conclusións deste estudo foron presentadas por Marcos Maceira , presidente da Mesa e por Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua na III Xornada de Normalización Lingüística da Deputación.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, asegurou que “en xeral os concellos van avanzando na normalización do galego e adoitan ofrecer a maior parte da atención en lingua galega, se ben é certo que aínda queda por avanzar en implantación de servizos de normalización, e tamén naqueles servizos municipais que se ofrecen a través de empresas externas como a banca electrónica, por exemplo”.
Desde a Deputación lembran que “este documento non só nos permitirá levar a cabo a planificación lingüística axeitada senón que ademais nos debe axudar a deseñar novas fórmulas coas que normalizar por completo o uso do galego nas institucións públicas”.
Conclusións da auditoría
Sobre a dispoñibilidade de servizo e de técnicos de normalización lingüística nos concellos a auditoría recolle que 49 non dispoñen nin de servizo nin de técnico/a, 12 contan con servizo e con técnico/a, e 34 están na Rede de Dinamización Lingüística –participan das actividades de dinamización da Xunta-. Outro dos puntos negativos é a prestación de servizos municipais a través de empresas externas, como a banca electrónica ou as concesionarias do servizo de augas. No servizo de banca electrónica, as persoas usuarias só teñen a opción de utilizar o galego se a entidade bancaria que colabora neste servizo dispón desa opción lingüística. Así, as persoas que utilicen as plataformas de pagamento de Abanca, Sabadell-Gallego e Caixabank poderán elixir realizar as súas xestións tributarias en galego. Porén, as persoas que utilicen os servizos de BBVA, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Santander, Ibercaja Duero e Novo Banco só poderán utilizar o idioma español. Neste sentido, “os concellos e a Deputación de Pontevedra deben actuar para que os bancos, empresas de concesión de servizo de augas e outros cos que traballan ofrezan a posibilidade de uso do galego en trámites esenciais como pagamento de taxas, impostos, multas…” asegurou Maceira.
En canto ao servizo de augas ofrecen atención en galego Aqualia, Viaqua e Consorcio de Augas do Louro, mentres que Gestagua e Espina y Delfín só permiten o español. Sobre esta situación, Marcos Maceira considera que “é responsabilidade dos concellos demandarlle a estas empresas que ofrezan os servizos subcontratados en idioma galego, para garantirlle á súa veciñanza que poidan acceder a estes servizos no noso idioma”.
Na parte positiva, na atención cidadá telefónica e na páxina web, o galego figura como a opción máis consolidada. Na atención telefónica, as mensaxes de inicio para remitir ás diferentes áreas de cada concello están gravadas en galego e, nos casos nos que se lle ofrece á persoa usuaria a posibilidade de elixir entre o galego e o español, sitúan a elección do galego en primeiro lugar.
Por último e alén da auditoría, a Mesa detectou un amplo uso do castelán por cargos públicos no exercicio das súas funcións. Existen tamén casos graves onde declaracións feitas en galego nos medios aparecen traducidas ao castelán.
Consulta o informe premendo na imaxe