A Mesa diríxese a todos os grupos parlamentares para que a nova lexislatura sexa a do impulso ao galego

A Mesa diríxese a todos os grupos parlamentares para que a nova lexislatura sexa a do impulso ao galego

Coincidindo coa sesión de investidura de Núñez Feixó remitiu a todos os grupos unha solicitude de reunión “para eliminar as trabas que impiden a normalización da lingua galega”

 A intención da entidade social é que por fin se poña en andamento o PXNLG comezando polas 6 accións máis urxentes

Santiago de Compostela, 10/11/2016-. A Mesa pola Normalización remitiu hoxe unha solicitude de reunión a todos os grupos da cámara galega para acordar as primeiras accións a prol do galego diante da nova lexislatura que se abriu.

Segundo sinala no seu escrito a principal entidade social de defensa da lingua de Galiza, “o galego debe contar con accións de impulso por parte de toda as forzas políticas”, e lémbralles o acordado con todos eles na Declaración de Unidade a prol da Normalización da Lingua galega, asinada o 15 de xullo de 2015.

Na carta enviada aos grupos parlamentares sinálase que “entre todas e todos debemos reverter o proceso de desgaleguización e perda de falantes que sofre a nosa lingua”, acelerado nas últimas lexislaturas, tal e como lembran todos os estudos realizados.

Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “non se pode demorar por máis tempo a aplicación dos acordos comúns contemplados nesta declaración da que formaron parte non só os grupos representados no Parlamento, senón partidos con representación municipal”.

Todos os grupos da cámara falaron hoxe de actuar a favor do galego e de chegar a acordos ao respecto, da Mesa lembran que “os acordos existen e están aprobados polo propio Parlamento mais que cómpre vontade política para aplicalos”.

Neste sentido a Mesa xa remitira a todas as organizacións que concorreron ás pasadas eleccións unha proposta de 6 medidas urxentes, que ademais foron a base da última mobilización do pasado 17 de maio, apoiada por todas as forzas da oposición. Estas seis medidas urxentes, contempladas no PXNLG,  teñen relación coa CRTVG, o ensino e lecer infantil e xuvenil, administración pública os transportes,o intercambio do sinal RTP-CRTVG e o condicionamento de subvencións.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra