A Mesa exixe a actuación da Xunta no caso de agresión lingüística en Lugo

A Mesa quere unha condena pública da Xunta e abrir expediente diciplinario contra as funcionarias

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018

O pasado 26 de febreiro a cidadá galega Adela Figueroa dirixiuse unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego e foi neste intre cando comezaron os problemas.

A funcionaria botando man de pseudoargumentos, respondeulle: “No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante esta contestación Adela díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando se podía falar con outra persoa.

Cando a Figueroa se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese polo que tivo que soportar un novo ataque da funcionaria: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”

Unha delas mesmo chegou a dicirlle á administrada “Yo fui de la Sección femenina de Falange. Y bien orgullosa que estoy de haber sido de la Seccion Femenina. Trabajé em Madrid en la casa del Paseo de la Castellana. Debajo del Escudo del yugo y las flecha, Ojalá volviese Franco. Buena falta hacia!”

O responsábel da Mesa en Lugo, Lois Neto explicou que os feitos son moi graves e que as persoas galegofalantes teñen o dereito legal e moral a vivir en galego plenamente e sen ninguna traba.

A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, amosou o apoio da asociación a Adela e a todas as persoas galegofalantes que teñen a valentía de denunciar os ataques que sofren. Pazos asegurou que este non é un caso illado, senón que acontecen todos os días. Pazos tamén criticou o cinismo do presidente Núñez Feixóo que hai poucos días dicía nunha conferencia que a situación do galego era vantaxosa se a compararmos con outras do Estado, “con casos coma este de que presume o presidente da Xunta?” cuestionou.

Para a Mesa este feito é un síntoma da política lingüística do PP na Xunta e xa tramitou queixas ante Consellaría de Presidencia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Secretaría Xeral para o Deporte e Valedor do Pobo para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación dos dereitos máis elementais.

A galega que sufriu esta agresión Adela Figueroa, quixo agradecer o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística e apuntou que “as persoas galegofalantes temos uns dereitos que non debemos deixar perder” acusou de “flagrante caso de apoloxía do franquismo” o dito por unha das funcionarias. Do mesmo xeito, Figueroa denunciou que é “escandalosa a identificación que se fai entre lingua e partidos políticos” e convidou a que dean unha volta polo país e lean a Rosalía, Cunqueiro ou as cantigas medievais para descubriren a súa vitalidade.

Para Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, fixo un repaso por toda a lexislación que se vulnerou por parte das dúas funcionarias.

Quintas explicou que as funcionarias ao negarlLe a posibilidade de ser atendida en galego, vulneraron dereitos lingüísticos elementais tales como o Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 5.4. que promulga que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua, a Lei 3/1983  de normalización lingüística no artigo 6.1. recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública.

Tamén contraviñeron lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

A Lei 2/2015 do 29 de abril do emprego público de Galiza no artigo 185 recolle como faltas moi graves das/os empregadas/os públicas/os:

  1. a) O incumprimento do deber de respecto á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galiza no exercicio da función pública.
    b) Toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, sexo ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, así como o acoso por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e mais o acoso moral, sexual e por razón de sexo.

Desde a Mesa consideran que esta situación na que unha cidadá galega exerce o seu dereito a falar en galego e a propia administración da Xunta lle nega ese dereito é unha mostra da política lingüística da Xunta de Galiza de ataques e menosprezo ao galego. Mónica Pazos concluíu exixindo unha condena pública da Xunta de Galiza contra este caso de racismo lingüístico e abrir un expediente disciplinario contra as funcionarias, pois “non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas por parte da propia Xunta e esta non faga o máis mínimo”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra