Noticias

A Mesa participa no derradeiro Festival Tosta en Euskadi

O Festival Itinerante Tosta, ruta atlántica da diversidade, chega á súa fin en Errentería (Euskal Herria)

Debate sobre a situación das linguas, concertos e exposicións culminan a singradura dun ano pola diversidade lingüística europea promovida por Donostia 2016 Capital Europea da Cultura

Donostia (Euskal Herria), 22 de setembro de 2016-. O Tosta 2016, a ruta Atlántica da diversidade lingüística que comezou en Irlanda en abril, chegará á súa fin en Errentería esta fin de semana no marco do festival Atlantikaldia.

O proxecto Tosta, promovido por Donostia 2016 Capital Europea da Cultura, contou coa participación galega da Mesa pola Normalización Lingüística co apoio da Área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Rianxo foi a vila galega que acolleu o proxecto do 9 ao 11 de setembro.

Na última etapa do Tosta en Errentería, do 22 ao 26 de setembro, mostraranse os traballos das diferentes artistas que participaron en intercambios culturais. No caso galego, a música Belém Tajes recolleu e mesturou cancioneiro galego e irlandés, e a artista plástica galesa Luned Rhys, elaborou diferentes pezas baseadas na súa experiencia en Galiza. A Banda Tosta con participación de artistas en linguas minorizadas, mostrará a través da música a diversidade lingüística.

Unha mesa redonda analizará mañá sexta feira (venres), 23 de setembro, a situación das linguas minorizadas en Europa e contará coa presenza do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, que tamén participará nun encontro coas sete entidades de Euskal Herria, Gales, Irlanda, Frisia, Cornualles, e Escocia, que participaron no proxecto e onde explorarán novas experiencias conxuntas para espallar e compartir a reivindicación das respectivas linguas unidas polo Atlántico. Este acto coincide coa celebración do Día Europeo das Linguas o 26 de setembro.

A música galega estará representada no Tosta 2016 por Mónica de Nut e Luís Martíns que oferecerán un concerto o sábado.

Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, experiencias como a de Tosta demostran a necesidade do verdadeiro plurilingüismo onde cada pobo se mostra e se reivindica en pé de igualdade e solidariedade, expresándose da mellor maneira posíbel, na maior achega á súa existencia e á humanidade, no seu propio idioma.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis