Noticias Noticias da Mesa

A Mesa pedirá sentido común no Parlamento Galego para que se garantan os dereitos lingüísticos

Marcos Maceira, presidente da asociación: “Precisamos garantías para evitar as vulneracións e discriminacións polo simple feito de querer vivir na lingua do país”

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

A Mesa pola Normalización Lingüística defenderá mañá no Parlamento de Galiza a iniciativa lexislativa popular (ILP) que pretende garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. O presidente da organización, Marcos Maceira, será o encargado da defensa ante os grupos parlamentares esta iniciativa que contou co apoio de 28.000 asinantes.

O obxectivo da ILP é que a lingua galega e as persoas galegofalantes teñan os mesmos dereitos lingüísticos que calquera outra persoa. O traballo desenvolvido durante o 2017 culminou coa recollida de 28.000 apoios, empresariado, asociacións de comerciantes, consumidores, así como de comités de empresa, especialmente de servizos da tele-atención. Este último sector implicouse moito nesta campaña ao entenderen que unha lei así, permitiría fixar emprego no país.

Asemade, desde a Mesa, mantivéronse reunións con organizacións e asociacións do tecido económico, empresarial, cultural e institucional de Galiza; Consello da Cultura Galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Confederación de Empresarios, comités de varias empresas e asociacións empresariais e comerciais. Hoxe mesmo, tamén se levou a cabo unha reunión Asociación de Xoves Empresarios en Vigo, rematando a recollida de apoios.

O que pretende a ILP é que se garanta legalmente o dereito a poder usar o galego sempre e en todo lugar. Somos optimistas pois ninguén entendería que as galegas e galegos non teñamos os mesmos dereitos que xa teñen recoñecidos as persoas falantes de castelán, eúscaro e catalán” anunciou Maceira.

En pleno século XXI desde a Mesa laméntase que aínda acontezan casos de discriminación e vulneración de dereitos, como os acontecidos recentemente en dúas empresas que operan en Galiza, Ikea e Génesis. Ambas empresas non permiten opción de galego na páxina web e mesmo impiden que a clientela teña a documentación en lingua galega, lingua oficial e propia de Galiza.

Agora mesmo é evidente que o galego é a lingua do Estado español máis desprotexida a pesar dos diferentes tratados internacionais ratificados polo Estado como a Carta europea de linguas minorizadas, Declaración de dereitos lingüísticos, entre outras. Dende 1983 non se modificou a Lei de Normalización Lingüística e esta ILP pretende actualizar.

Finalmente, desde a Mesa apelan ao sentido común dos parlamentarios e parlamentarias para aprobar unha iniciativa que será positiva para o idioma, para garantir os dereitos lingüísticos da poboación e apela a que sexa de maneira unánime.

A intervención será martes 19 a partir das 18h. Poderás vela premendo en http://parlamento.gal

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis