Xenera acolleu a solicitude da Mesa de mellora da presenza do galego na opción correspondente dentro da páxina web da empresa e comprometeuse a manter a opción de galego en todos os seus servizos como a atención ao cliente ou a documentación interna.
A empresa Xenera mostrou interese tamén por formar parte do proxecto “Abertos ao Galego” (certificado que se concede ás empresas, comercios, asociacións e entidades que adopten e desenvolvan compromisos para a normalización do galego. Neste caso, a empresa Xenera interesouse polo certificado do nivel dous o que implica ofrecer toda a súa información exterior en galego.
A Mesa parabenizou a empresa de fornecemento de servizos de enerxía polo seu compromiso co galego visíbel nas rúas e medios de comunicación de Galiza a través da publicidade no noso idioma e sinalou esta actitude exemplo para outras que aínda negan calquera posibilidade de uso da lingua propia de Galiza.