A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino reuniranse co conselleiro de Educación tras o peche na Política Lingüística

A xuntanza co conselleiro de Educación terá lugar na segunda semana de febreiro

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino xunto con outras 50 persoas, pecháronse esta mañá na Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de reunirse co Secretario Xeral, Valentín García, e conseguir o compromiso de ser recibidos polo conselleiro de Educación. Tras o recibimento, demandaron que se abra un debate para a elaboración dun novo marco xurídico que garanta dunha maneira sólida a normalización lingüística no ensino. Este peche rematou despois de obter o compromiso de dita xuntanza.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, declara que “non se pode consentir nin un minuto máis de desprezo e exclusión do galego no ensino.  A Xunta debe cumprir a súa obriga de impulsar o galego e precisamos un ensino en no noso idioma, e así llo faremos chegar ao conselleiro de Educación”.

Marcos Maceira, alertou de que a Xunta pretende converter o galego nun “elemento accesorio”, “decorativo”, “prescindíbel” e “anecdótico” e denunciou que o goberno do PP ten o obxectivo de que o alumnado non teña competencia suficiente en galego cando remate o ensino obrigatorio.

Segundo explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, “recoñeceu implicitamente que a situación do galego é, efectivamente, unha situación ilegal e irregular, na medida en que, neste intre, a exclusión e marxinación do galego é total, como consecuencia da aplicación da LOMCE”.

Nese sentido Louzao sinalou que o Secretario Xeral manifestou que se estaba preparando unha Circular para adaptar o Decreto de Plurilingüísmo a LOMCE. “Desde a Mesa e máis da CIG-Ensino deixamos claro que isto é totalmente insuficiente e que a única saída é derrogar o Decreto de Plurilingüismo e abrir un debate dirixido a elaborar outra norma coa que se camiñe cara a plena normalización lingüística, co obxectivo de que o noso idioma teña a vixencia, vigor e sexa posíbel o seu futuro”.

A este respecto conseguiron o compromiso de ser citados co conselleiro o 15, 16 ou 17 de febreiro.

A Mesa a CIG-Ensino continuarán coas mobilizacións e accións até conseguir unha norma que realmente permita a normalización do uso do noso idioma para que sexa a lingua vehicular no ensino en todas as materias e en todos os niveis educativos.

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra