A campaña da Iniciativa Lexislativa Popular para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico presentouse hoxe aos medios
Co lema “ Cárgate de sentido común e asina”, A Mesa pretende recoller como mínimo 10.000 sinaturas para o debate da ILP no Parlamento
Marcos Maceira: “A iniciativa defende cuestións de sentido común, facer efectivo o dereito básico a empregarmos o galego sempre”
A Mesa convocou hoxe, día 27 de marzo na cafetería Airas Nunes, aos medios para presentar a nova campaña que se está a desenvolver para impulsar a Iniciativa Lexislativa Popular para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.
A ILP naceu con motivo das múltiples queixas que chegan á aplicación A Liña do Galego, queixas que poñen de manifesto a vulnerabilidade dos dereitos lingüísticos e a nula garantía lexislativa de que se poda exercer ese dereito a vivir no noso idioma. Desde A Mesa destácase que a inexistencia da máis mínima opción no noso idioma por parte de empresas e servizo nega a liberdade para o emprego do galego e evidencia a situación de desigualdade.
Para pór fin a esta cuestión lánzase esta ILP, que conta con catro artigos: o primeiro fala do dereito das persoas consumidoras e usuarias a recibiren en galego toda a información, documentación e contratos sobre produtos e servizos, así como a seren entendidas e atendidas no idioma de Galiza polas empresas que lles prestan servizos ou subministran bens no nos país; o segundo artigo, dirixido as empresas que prestan servizos ás administracións públicas e ás entidades do sector público autónomo e local de Galiza, para que inclúan o galego na atención ao público; o terceiro artigo refírese á opción de facer unha valoración adicional de todas aquelas entidades que promovan a normalización da lingua e que preguen a contratación de servizos da administracións pública galega; por último, o cuarto artigo diríxese ao Goberno galego, para que desenvolva unha campaña de concienciación cidadá nos medios de comunicación, con especial atención nos de titularidade pública.
Segundo o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “estas cuestións son básicas, de sentido común, mais actualmente non están garantidas e o que se pretende é que o galego sexa unha lingua normal”. Por iso a ILP pretende facer efectivo o dereito básico a empregarmos o galego sempre”
Son 10.000 sinaturas as que hai que reunir para que esta ILP se leve a debate ao Parlamento galego, por iso, A Mesa organizará actos por toda Galiza e estará presente en acontecementos de todo tipo para recoller sinaturas. Ademais continuarán os contactos con entidades sociais, empresariais, sindicais, culturais para que se sumen aos 125 apoios de persoas relevantes destes ámbitos que mostraron a súa adhesión inicial.