A Mesa pola Normalización Lingüística reúnese co grupo parlamentar do PP

Expuxéronse as seis medidas urxentes do Plan Xeral de Normalización Lingüística Galega.

 O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou aos representantes do PP, que é preciso trazar, a partir do PXNLG, as liñas dunha nova política lingüística.

 

A Mesa reuniuse hoxe, día 22 de novembro, co grupo parlamentar do PP, da man de César Manuel Fernández Gil e Antonio Mouriño, para expoñer as 6 medidas urxentes e a necesidade de que se cumpran os  acordos mínimos en relación ao galego, contemplados no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, sobre o que, segundo indicou a entidade en defensa do galego,  non só non houbo  avances senón que houbo importantes retrocesos.

As seis medidas urxentes baséanse no impulso ao papel normalizador da CRTVG; o ensino galego; a Administración en galego; o uso da lingua nos medios de transporte; o convenio coa Radio Televisión Portuguesa (RTP); e a condición da utilización do galego nas axudas e subvencións.

Os representantes da Mesa, Marcos Maceira e Mónica Pazos, lembraron ademais que até o de agora non houbo ningunha avaliación do Parlamento en relación ao cumprimento do PXNLG. Entre os retrocesos respecto ao PXNLG a Mesa destacou o mal chamado decreto de plurilingüísmo cos limites ao uso do galego nas materias da área científico-técnica, acrecentada coa apliación da LOMCE que reduce aínda máis a carga lectiva en galego.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou aos representantes do PP, que é preciso trazar, a partir do PXNLG, as liñas dunha nova política lingüística que garanta o dereito a vivirmos en galego, a presenza do galego a todos os niveis, a reposición do galego e a igualdade en todos os espazos: adaptar a esta realidade todas as disposicións legais que obrigan ao uso do español e/ou limitan e exclúen o uso do galego.

Por último, instounos a mudar a actitude do goberno galego en relación á lingua galega. Para a Mesa o compromiso co noso idioma débese mostrar en feitos concretos para o que é necesario cumprir os acordos básicos acadados por unanimidade por todas as forzas políticas a comezar polo PXNLG cuxo cumprimento debe ser vixiado polo Parlamento de Galiza como institución impulsora.

Pola parte do grupo Popular, comprometéronse a transmitir as propostas da Mesa ao seu grupo e a Consellería de educación.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra