Para o Presidente da Mesa, Marcos Maceira “reverter o proceso de desgaleguización provocado pola exclusión do galego de todos os ámbitos é posíbel se existira vontade”.
A Mesa destacou as seis acción máis urxentes que se teñen que levar a cabo para o impulso do uso do galego.
A Mesa pola Normalización Lingüística reuniuse onte, día 15 de novembro, e hoxe, día 16, cos grupos parlamentares do PSdG, En Marea e o BNG para expoñer os diferentes puntos que recolle o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). A intención da Mesa é pór en evidencia o incumprimento sistemático das accións favorábeis á lingua acordadas polo propio Parlamento como o PXNLG ou tratados internacionais como a Carta Europea de Linguas minorizadas. Para A Mesa,” reverter o proceso de desgaleguización provocado pola exclusión do galego de todos os ámbitos é posíbel se existira vontade”.
Destacáronse seis accións recollidas no Plan que para A Mesa contan cunha maior urxencia para pór en práctica. Estas medidas son as seguintes:
- O papel normalizador da CRTVG. Calquera persoa que queira facer un seguimento da cultura galega na canle ten que facelo nun horario marxinal. Pídese tamén máis programación destinada ao sector infantil e xuvenil e que se inclúa debates políticos e sobre a sociedade xa que iso contribúe a impulsar a lingua máis a cultura galega.
- Ensino en galego e oferta de lecer. A Mesa destaca que a distribución de materias nos reducen aínda máis a presenza do galego, que será moi minoritaria neste curso, tal como vén de denunciar o sindicato CIG-Ensino nun recurso. A respecto da educación infantil destácase que o galego practicamente non existe nas cidades. Precisamente pola inexistencia de material didáctico específico, A Mesa elaborou material didáctico en galego como o libro O Abecedario ou As aves. En relación ao lecer e o tempo libre, apúntase que non hai nin xogos para nenos en galego nin videoxogos e que o cinema tamén fai moita exclusión do galego. Destácase o caso de Euskadi xa que chegaron a un acordo con Canal+ para que as series máis coñecidas, por exemplo, contaran con subtítulos en euskera.
- O transporte público. Tamén tivo presenza o tema do transporte público xa que a situación da rotulación, as locucións e a toponimia é moi grave. Pídeselles responsabilidades ás compañías de transportes e á Administración para que isto cambie e facerlles cumprir coa lei.
- Intercambio no espazo de comunicación coa Radio e Televisión Portuguesa (RTP). Non se avanzou a este respecto malia estar recollido na Carta Europea e na Lei Paz Andrade.
- O dereito ao uso do galego nas Administracións. A Xunta ten que cumprir coa legalidade e exixir ás outras administracións, nomeadamente do Estado que o fagan. Saliántase a falta dunha opción mínima na xustiza, SERGAS, facenda ou a seguranza social.
- Condicionamento de axudas e subvencións á utilización do galego establecendo a obriga de que os receptores utilicen o galego nas súas tarefas.
Todos os partidos da oposición mostraron o seu apoio á proposta e ratificaron a súa adhesión á Declaración de Unidade a prol da Lingua Galega promovida pola Mesa e que incluía tanto o PXNLG como a Carta Europea ou a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos.
Os representante dos grupos parlamentares comprometéronse a facer seguimento dos diferentes acordos en relación ao galego para garantir a súa aplicación por parte do goberno galego. Tanto PSdG, como En Marea e BNG mostraron o seu interese por facer efectivas todas as medidas contempladas e manter comunicación estábel coa Mesa.