A Mesa pola Normalización Lingüística xunto coa Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Kontseilua (Consello de Entidades do Euskera) e a Fundación Donosti 2016, presentaron a pasada terza feira o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos, que se centra na protección das linguas minorizadas de toda Europa.
O documento parte da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos, aprobada en 1996, e trata de contribuir coas linguas en situación de desvantaxe ou minorización fronte aos idiomas hexemónicos da comunidade europea. O texto foi elaborado co obxectivo de definir as condicións mínimas precisas para garantir os dereitos lingüísticos de tódolos cidadáns. A presentación das conclusións do proxecto, botado a andar pola Kontseilua, será no mes de decembro en Donostia, aproveitando a denominación da cidade guipuzkoana como Capital Europea da Cultura.
O acto foi presentado por: María do Carme Silva Domínguez, como representante da USC; Marcos Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; Pilar García Negro, como membro do comité científico da elaboración do protocolo e Paul Bilbao, quen presentou o proceso de elaboración do Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos representando o Kontseilua – Donostia 2016.
O dito documento atópase aínda en pleno desenvolvemento, e este acto servíu como presentación previa e chamada á colaboración mediante propostas. Paul Bilbao foi o encargado de presentar os obxectivos desta declaración que busca definir os dereitos lingüísticos dos cidadáns e establecer medidas para facer efectivo o cumprimento deses dereitos. O feito de que sexa un protocolo ten un significado práctico xa que se busca o compromiso dos estados, para que se cumpran e se garantan os dereitos de todas as linguas da Europa.
Para a realización do texto os promotores, do Kontseilua, contaron con axentes sociais de todas as comunidades lingüísticas minoritarias de Europa para crear un protocolo que abranga todas as diferentes realidades e que poida “ter un valor simbólico que conte co aval de todas as comunidades lingüísticas europeas” e “un valor práctico, como camiño para que estas comunidades acaden o recoñecemento internacional”, segundo Paul Bilbao.
O acto tamén contou coa presenza de María do Pilar García Negro, quen non só amadriñou a iniciativa, senón que participou dela como membro do comité científico na elaboración do protocolo.
Pola súa parte, Marcos Maceira recordou que: “os avances da lingua galega foron sempre iniciativa da poboación” e mostrouse aberto á recollida de propostas e medidas tocantes á lingua galega, dende a Mesa pola Normalización Lingüística.
Con anterioridade á presentación, Paul Bilbao e Marcos Maceira, xunto co director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, mantiveron un encontro co reitor Juan Viaño no que explicaron o estado de desenvolvemento do proxecto de Protocolo.