Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou hoxe en rolda de imprensa mudanzas organizativas na asociación en defensa da lingua. Ademais presentou o informe 2017 da Liña do Galego que tramitou máis de 360 expedientes en relación aos dereitos lingüísticos.
Na rolda de prensa compareceron Marcos Maceira, presidente da Mesa, Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa e Sara Seco, técnica da liña do galego.
Resposta social ampla e alternativas para mudar a situación do idioma
Estas mudanzas pretenden dar un impulso á actividade xeral da Mesa e á súa capacidade de actuación fronte ás agresións continuas ao dereito básico de utilización do galego. Neste sentido, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que “as principais liñas de traballo irán orientadas a dar unha resposta social máis ampla e efectiva ao coñecemento da realidade sobre a que hai que actuar e á proposición e elaboración de alternativas precisamente porque hai cada vez máis consciencia de que cómpre mudala”. Fronte a unha Xunta que abdica da súas obrigas coa lingua, hai unha enorme vontade popular de reposición e normalización. Como exemplo citou as 28.000 persoas que asinaron a iniciativa lexislativa para garantir o dereito ao uso do galego no ámbito socioeconómico, rexeitada en solitario polo PP no Parlamento. Para Maceira a ILP demostrou que si hai posibilidade de mudar a exclusión forzosa da nosa lingua mais cómpre vontade política.
“A nosa responsabilidade é que esa vontade se transforme en realidade” sinalou Maceira por iso temos a obriga de mellorar o noso traballo a prol da lingua. Un traballo que é posíbel grazas aos máis de 4000 socios e socias que garanten a estabilidade económica e a independencia da Mesa e fan que sexa a asociación cívica máis grande de Galiza.
“Por isto as mudanzas introducirémolas en dous grandes proxectos que desde a dirección da Mesa queremos impulsar: o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, que será dirixido pola avogada e vicepresidenta da Mesa, Elsa Quintas; e Abertos ao Galego, para o asesoramento e visibilización das empresas que apostan polo galego, que estará dirixido pola profesora e membro da Permanente da Mesa, Celia Armas.
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos
O Observatorio de Dereitos Lingüísticos, será dirixido pola avogada e vicepresidenta da Mesa Elsa Quintas e conta coa colaboración dun grupo de xuristas. Ademais do asesoramento xurídico o Observatorio elaborará informes sobre a situación do galego en diversos ámbitos. Entre os xa coñecidos destacan o informe sobre a situación de galego nas aulas de infantil ou o informe sobre xogos e xoguetes. Neste momento estase a traballar na situación do galego na banca e nos seguros.
A directora do Observatorio Elsa Quintas anunciou ademais que a Liña do Galego pasará a formar parte do Observatorio de Dereitos Lingüísticos. A Liña do Galego é un servizo gratuíto que a Mesa pola Normalización Lingüística ofrece aos cidadáns e cidadás de queixas, consultas e parabéns polo uso do galego. A Liña do Galego ofrece tamén unha aplicación móbil cofinanciada pola Deputación da Coruña e que engadirá melloras para unha mellor xestión. Este ano 2018 comezará a facilitar un indicativo aos establecementos que reciban parabéns.
Informe da Liña do Galego
Nesta rolda de prensa tamén se presentou o informe anual da Liña do galego 2017 onde se recollen máis de 360 expedientes entre queixas, consultas e parabéns.
Respecto ao informe do ano pasado este ano produciuse un aumento mais desde a a Mesa valórase que realmente o número de queixas que se tramitan son moi poucas en relación a todos os dereitos lingüísticos que se vulneran.
Ao igual que nos informes anteriores máis da metade, un 56%, das queixas, refírense á administración pública, tanto estatal como autonómica e local.
Quintas resaltou que isto é unha mostra máis de que en xeral é no ámbito da administración onde o/a cidadán/á é máis consciente da existencia dunha normativa que ampara os seus dereitos lingüísticos, polo que tolera menos a súa vulneración. Porén, sianlou como no sector privado aínda hai moito por avanzar, for no campo lexislativo, for na responsabilidade de atención digna que deben asumir as empresas. Neste sentido destacou como empresas que reciben o maior número de queixas Google, Ikea, Abanca, seguidas de Movistar e o banco Santander así como El Corte Ingles ou a exclusión xeralizada do galego nos seguros denunciados recentemente.
O obxectivo deste servizo é romper a normalidade e impunidade da exclusión do galego. Denunciar, reclamar, actuar son neste momento as únicas ferramentas que ten a sociedade galega, así como animar a actitude de quen cumpre co galego moitas veces sen axuda nin recoñecemento. Neste sentido denunciou o incumprimento de acordos e lexislación nacionais, estatais e internacionais en relación á lingua, e que fronte ás 500 normas que amparan o castelán, as poucas a favor do galego non se aplican.
Abertos ao Galego
As mudanzas neste proxecto realizado conxuntamente con empresas e establecementos de diverso tipo serán presentadas o sábado 17 en Santiago nun encontro con empresas. Entre outros obxectivos que incidirán na visibilización e promoción do crecente compromiso empresarial co idioma, está o de establecer un foro permanente de empresas para asesorar, oferecer recursos e accións para a galeguización do sector.